lunes, 20 de enero de 2025

Xuntanza de STAJ co Decano dos Xulgados de Vigo: máis seguridade para os funcionarios

O día 16 de xaneiro reunímonos co Decano dos xulgados de Vigo. O motivo principal de que pediramos falar co Decano foi que distintos compañeiros nos teñen trasladado moitos incidentes que se producen cando persoas conflitivas, que xa son coñecidas de sobra polos funcionarios que as teñen que atender, acoden ao xulgado e faltan ao respecto, insultan, ameazan ou incluso chegan a agredir aos funcionarios.

Moitas das veces, esas persoas problemáticas, acoden regularmente ao xulgado sen máis finalidade que molestar, impedindo o normal funcionamento dos xulgados, porque ademais dos comportamentos que xa dixemos, adoitan a ser insistentes e reticentes a marchar.

Por iso solicitamos ao Decano que esas persoas concretas xa coñecidas só puidesen acceder ao edificio dos xulgados cando sexan citados ou ter necesariamente que realizar xestións persoais no edificio xudicial e, nese caso, que estean acompañados de forma permanente mentres non abandonen o edificio.

O Decano manifestounos que está de acordo coa petición. Trasládanos que no caso destas persoas que, de xeito reiterado, causan problemas nos xulgados, por medio dalgún sindicato ou por medio do LAJ do órgano, se remita ao Decano un escrito xustificando o motivo polo que se pretende restrinxir a entrada á persoa en concreto. Nese caso o Decano ditaría as instrucións correspondentes para que esa persoa non poida entrar ao edificio ou, de ter xustificación para acceder, estea acompañado pola policía ou a seguridade do edificio en todo momento.

Ademais do anterior, aproveitando a reunión co Decano, preguntamos por outros asuntos de interese:

  • Prazas de aparcamento ocupadas polos arquivos no edificio dos Xulgados de Vigo: o Decano infórmanos de que os arquivos estarán situados no aparcamento un ou dous meses dende que se colocaron alí. Tendo en conta que se cerraron as prazas de aparcamento o día 2 de decembro, a principios de febreiro deberían volver a estar dispoñibles esas prazas, sempre segundo o que nos informa o Decano.

  • O Decano maniféstanos que xa solicitou á Xunta a instalación de puntos de recarga eléctrica para vehículos no aparcamento do edificio, pero que aínda non ten resposta.

  • O Decano solicitou tamén á Xunta que se instalen máquinas de vending e fontes de auga no edificio dos Xulgados de Vigo, tamén sen resposta aínda por parte da Xunta


STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras