Hoxe publicase no DOG o acceso extraordinario ao grao I e II da traxectoria profesional dirixido para que o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia que a día de hoxe ten máis de 5 anos de servizo poida acceder tamén á traxectoria. Tamén se lles dá a posibilidade a aquelas persoas que tiñan esa antigüidade pero non cumprían outros requisitos, como a formación, posibilitando que nesta convocatoria lles conten os cursos realizados nos últimos anos.
Tamén se lle dá acceso a aquel persoal con máis de 11 anos de servizo que, polo mesmo motivo, ou por non ter realizado a correspondente solicitude, non tivo oportunidade de acadar o grao II na anterior convocatoria.
Os aspectos básicos da resolución son os seguintes:
1. Obxecto
O grao extraordinario adquírese no corpo ou escala no que se teña a condición de funcionario/a de carreira ou interino a día 31 de marzo de 2024. Deste xeito, se se está a desempeñar unha substitución vertical entre titulares, o/a empregado/a público/a adquirirá o grao extraordinario no seu corpo ou escala de pertenza, non no que se desempeñe mediante acordo de substitución entre titulares.
O pagamento deste complemento adicional ao complemento de determinación autonómica correspondente aos graos I e II recoñecido producirase de maneira progresiva en 3 anualidades, con efectos económicos do 1 de abril de 2024 e do 1 de xaneiro dos restantes anos cada ano seguinte, coa distribución que se indica a seguir para todos os corpos:
En 2024 o 33 %
En 2025 o 66 %
En 2026 o 100 %
A contía actual de cada grao que se percibirá por este complemento devindicarase en 12 mensualidades con efectos económicos retroactivos a 1 de abril de 2024, que serán as seguintes segundo o corpo de pertenza:
-Médicos forenses: 236, 27 euros
-Xestión procesual e administrativa: 158'58 euros/mes
-Tramitación procesual e administrativa: 102,27 euros/mes
-Auxilio xudicial: 86,81 euros/mes
O persoal interino percibirá o complemento da traxectoria profesional ata o momento do cese. De ser nomeado de novo persoal interino nesta administración, seguirá a cobrar o grao ou graos que tivera recoñecidos.
2. Ámbito subxetivo
Queda excluído do acceso a este réxime extraordinario o persoal que xa tivese recoñecido algún grao da traxectoria profesional na convocatoria de 2022.
3. Requisitos de acceso
I. Grao extraordinario I:
a. Estar en situación de servizo activo na Administración de Xustiza en Galicia (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza).
b. Ter a condición de funcionario/a dalgún dos corpos recollidos no artigo 2.1 deste acordo e contar cunha antigüidade mínima de 5 anos a 31.03.2024.
c. Cumprir un dos criterios xerais de avaliación establecidos no artigo 4 deste acordo a 31.03.2024.
II. Grao extraordinario II:
a. Estar en situación de servizo activo na Administración de Xustiza en Galicia (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza).
b. Posuír, na data de publicación desta convocatoria, o recoñecemento do grao I no mesmo corpo no que corresponda adquirir o grao extraordinario II. Queda así mesmo excluído o persoal que accedera ao grao I na convocatoria extraordinaria do 2022.
c. Ter a condición de funcionario/a dalgún dos corpos recollidos no artigo 2.1 deste acordo e contar cunha antigüidade mínima de 11 anos a 31.03.2024.
d. Cumprir un dos criterios xerais de avaliación establecidos no artigo 4 deste acordo a 31.03.2024
4. Criterios xerais de avaliación:
Destacamos o seguinte:
Grao I:
a. Formación continuada:
- Recibida: asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos directamente por: a Escola Galega de Administración Pública, a Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a Academia Galega de Seguridade Pública, as escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, cursos impartidos polo Servizo Público de Emprego Estatal e cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP) e cursos impartidos por algunha Consellería da Xunta de Galicia, ou por algún ministerio da Administración Xeral do Estado ou por universidades, entes locais (concellos, deputacións provinciais). A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 4 créditos/40 horas.
A estes efectos tamén serán considerados os cursos da lingua galega (iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa e xurídica galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística. Os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha Consellería da Xunta de Galicia.
Grao II:
a. Formación continuada:
- Recibida: asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos directamente por: a Escola Galega de Administración Pública, a Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a Academia Galega de Seguridade Pública, as escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, cursos impartidos polo Servizo Público de Emprego Estatal e cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP) e cursos impartidos por algunha Consellería da Xunta de Galicia, ou por algún ministerio da Administración Xeral do Estado ou por universidades, entes locais (concellos, deputacións provinciais). A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 8 créditos/80 horas (40 h a maiores das acreditadas para o recoñecemento do grao I).
A estes efectos tamén serán considerados os cursos de iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa e xurídica galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas, homologados polo órgano competente en materia de política lingüística. Os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha Consellería da Xunta de Galicia.
5. presentación das instancias:
* Os datos que, de ser o caso, consten no sistema informático de xestión de persoal da Administración de xustiza en Galicia aparecerán precargados no formulario electrónico de solicitude. No caso de non apareza precargado ningún criterio xeral de avaliación dos establecidos no artigo 4, a persoa solicitante poderá acreditalos achegando a documentación xustificativa que se establece no punto 2 deste artigo no momento da presentación da solicitude.
* O persoal solicitante deberá cubrir a súa solicitude a través do formulario electrónico dipoñible na OPAX (Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza), no enderezo web http://opax.xunta.es.
* Unha vez realizada a identificación na OPAX, o solicitante deberá seleccionar a opción correspondente a «Traxectoria Profesional». O sistema informático informará a persoa solicitante se cumpre ou non os requisitos de acceso segundo os datos que figuran neste. No caso de que o sistema informe de que non se reúnen os requisitos de acceso, a persoa solicitante poderá acreditar que os cumpre, se é o caso, anexando a oportuna documentación acreditativa á propia solicitude.
* O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste acordo. Mediante resolución da Dirección Xeral de Xustiza anunciarase no Diario Oficial de Galicia a exposición das resolucións estimatorias e desestimatorias de recoñecemento extraordinario do grao I e II da traxectoria profesional. O prazo máximo para a resolución das solicitudes de recoñecemento extraordinario do grao I e II da traxectoria profesional será de 3 meses contado desde a presentación da solicitude. De non ditarse resolución no dito prazo, a solicitude entenderase desestimada.
Data de inicio de presentación de solicitudes: 8 de abril do 2024.
Data de finalización de presentación de solicitudes: 21 de maio do 2024.
MOI IMPORTANTE: non basta con gravar a solicitude, hai que asinala e presentala a través da aplicación, cun certificado dixital ou mediante as credenciais de acceso á OPAX. No caso de que cree máis dunha solicitude, só será válida a última presentada.
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras