lunes, 20 de enero de 2020

STAJ gaña sentenza que recoñece un día adicional de asuntos particulares por estar de garda de dispoñibilidade o 24 ou o 31 de decembro.

STAJ gaña sentenza en vía contencioso administrativa tra-la demanda presentada ante a denegación da Xunta ao goce dun día adiconal de asuntos particulares por estar de garda o día 24 ou 31 de decembro do ano 2018, no suposto de funcionarios/as que estén de garda de dispoñibilidade, ainda cando non sexan chamados/as para acudir ao posto de traballo e non traballen de forma efectiva ese día. 

Despois de presentar varios escritos reclamando de devandito dereito sen que a Xunta contestase favorablemente, STAJ presentou demanda contra a resolución que denegaba a petición de varios/as compañeiros/as en xaneiro do 2019 e a Sentenza, que condena á Administración en costas, danos a razón en tódalas alegacións realizadas por STAJ, dispoñendo que: 
  •      A Resolución do 8 de abril de 2009, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regula o réxime e o procedemento da concesión de vacacións, permisos e licenzas do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia establece que Os funcionarios que estean de garda o día 24 de decembro ou o día 31 de decembro, agás que coincidan en sábado ou domingo, terán dereito a un día máis.” non esixindo que no caso concreto se desempeñe de forma efectiva funcións de garda, senón que tan só se estivese de garda.
  •      Que a Directiva 2003/88/CE do Parlamento Europeo e do Consello,  así como a  STJE de data 21-02-2018 disipan toda dúbida sobre se debe ou non computarse como tempo traballado o feito de estar en función de garda de dispoñibilidade, ao entender que “o tempo de garda que un traballador pasa no seu domicilio coa obrigación de responder as convocatorias do seu empresario (…..) debe considerarse tempo traballado.”
  •   Que a obriga da dispoñibilidade, conforme á Directiva e á sentenza antes citadas, debe considerarse como tempo traballado,  aínda máis nunha data como o 31 de decembro,  polo gravame adicional que pode supoñer que un funcionario non poida desprazarse ese día ou canto menos non afastarse moito do xulgado.

Novamente, dende  STAJ vémonos obrigados a defender e consolidar en vía xudicial dereitos que a Administración nos nega aínda que, como no presente caso, estén recoñecidos na propia lexislación autonómica, pero que por irracionais motivos néganse a conceder. Esta sentenza deixa claro o dereito ao goce dun día adicional por estar de garda o día 24 ou 31 de decembro, sen máis esixencias que estar de garda e que non coincidan en sábado ou domingo, como ocorreu o pasado mes de decembro polo que calquera compañeiro que traballase neses días,  está no seu dereito de pedilo  e gozalo ata o 31 de xaneiro de 2020. 

Quedan a vosa disposición os delegados e delegadas do STAJ en Galicia así como os nosos servizos xurídicos para quen desexe solicitar ese día de asuntos particulares por estar de garda de dispoñibilidade o 24 e o 31 de decembro.

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras.