Na documentación que nos remitiu a DXX para a próxima mesa sectorial convocada para este xoves día 26 hai modificacións relevantes no borrador das RPTs e no borrador da norma que regulará a reorganización do persoal.
No cadro das RPTs inclúen unha nova proposta de distribución do persoal, con pequenos cambios con respecto ao anterior. Ademáis, este último excel inclúe os datos da DXX para asignar traballadores ao Servizo común de execución.
Na norma de reorganización hai tres cambios salientables:
- Ofrecen a posibilidade de escoller onde confirmarse aos funcionarios que tramitan e executan. Ata agora, a DXX mantiña que os funcionarios que tramitan e executan terían que ir necesariamente a reordenación. No último borrador, ofrécelles a posibilidade de ser confirmados no Servizo común de tramitación ou no Servizo común de execución. Os que non opten, serán confirmados nun servizo ou outro de forma proporcional:
"Persoal destinado en cada un dos órganos xudiciais da xurisdición civil, social, contencioso administrativo e penal: Este persoal será confirmado nos postos de traballo da unidade, que preste o servizo, nestes casos, no servizo común de tramitación ou servizo común de execución, nas áreas que no seu caso, correspondan.
A confirmación establecerase segundo as porcentaxes correspondentes á distribución actual, en idéntica proporción.
No caso de que este persoal tramite e execute, daráselle a opción de confirmar ou ben no servizo de tramitación ou ben no servizo de execución.
Esta opción non contempla a posibilidade de non confirmar.
De non optar a unha praza ou a outra, este persoal confirmarase nun servizo ou noutro de maneira proporcional."
- Ofrecen tamén a posibilidade de confirmarse aos funcionarios destinados actualmente nos xulgados de instrucción de Ourense e Santiago que levan VSM, de forma que poidan escoller entre confirmarse en posto con observación Garda ou posto con observación Violencia sobre a muller:
"Persoal dos xulgados de instrución con competencias en VSM que pasan a ser xulgados exclusivos (Santiago e Ourense). A este persoal se lle dará como opción confirmar na praza identificada na RPT con VSM ou ben na identificada con GA. Esta opción non contempla a posibilidade de non confirmar. De non optar a unha praza ou a outra, este persoal confirmarase na praza de VSM."
- Para o cómputo da antigüidade, ata agora a DXX mantiña que debía ser a data da toma de posesión. No último borrador pasaría a ser a data do nomeamento.
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras