O pasado luns os compañeiros que usan o aparcamento da cidade da xustiza de Vigo e que teñen coches eléctricos ou híbidos ou bicicletas eléctricas, atopáronse con que as tomas de corrente do aparcamento non funcionaban. A Dirección xeral decidira desconectar eses enchufes, sen avisar e en pleno mes de agosto, para impedir que se poidan cargar os coches no aparcamento do edificio xudicial de Vigo.
A normativa obriga a que existan puntos de recarga para vehículos eléctricos e, polas diferentes normas para loitar contra o cambio climático e protexer a saúde dos cidadáns, sobre todo nas cidades, cada vez serán máis os vehículos eléctricos en circulación. Lembramos que nas próximas semanas comezarán a funcionar as Zonas de Baixas Emisións de Vigo.
Sen embargo, a Dirección Xeral de Xustiza, en lugar de favorecer que os seus funcionarios teñan facilidades para a mobilidade eléctrica e seguir o camiño da descarbonización, fai o contrario: desconecta as tomas de corrente convencionais que xa existían no aparcamento. Lonxe de cumprir a normativa e instalar puntos de recarga, desconecta o pouco do que dispoñíamos.
Dende STAJ solicitamos á Dirección Xeral que revirta esta situación: que volva a por en funcionamento as tomas de corrente convencionais e, ademáis, instale puntos de recarga segundo esixen as normas aplicables.
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras