miércoles, 8 de abril de 2026

Borrador programa anual vacacións 2026

Trasladámosvos o borrador do programa anual de vacacións do 2026 que a  DXX acaba de remitirnos e cuxo prazo para formular alegacións é ata o venres 10 de abril ás 14 horas. A continuación, deixámosvos os puntos máis importantes da normativa.

DEFINICIÓN DOS CENTROS DE TRABALLO PARA OS EFECTOS DE VACACIÓNS

Consideraranse centros de traballo para os efectos deste programa cada servizo común, área, equipo ou análogo de carácter estrutural, oficina xeral do rexistro civil, oficina fiscal, oficina de xustiza do municipio, secretaría do goberno ou outro órgano da Administración de xustiza.

TEMPADA “A”

Estival: Do 01.07.2026 ata o 30.09.2026.

Nadal: Entre o 21/12/2026 e o 08/01/2027.

TEMPADA “B”: Resto do ano non comprendido na tempada A.

Solicitude e presentación:

De acordo co artigo 12 da Resolución do 12 de febreiro de 2014, pola que se ditan instrucións relativas ao uso da tarxeta de identificación persoal, ao control do cumprimento da xornada e horarios de traballo e mais á tramitación das solicitudes de vacacións, permisos e licenzas para o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, as solicitudes tramitaranse obrigatoriamente a través da oficina virtual do persoal da Administración de xustiza (OPAX) e asinaranse electronicamente, pasando a estar dispoñibles para o seu informe e validación.

O Director/a do servizo común que corresponda, o Secretario do goberno, a persoaresponsable da Oficina Fiscal ou o/a Director/a ou Subdirector/a do Instituto de  Medicina Legal (Imelga) informará sobre a incidencia da petición sobre o funcionamento do servizo.

No caso de que o informe sexa negativo, farase constar a súa motivación, que será estudada por este centro directivo en atención ao establecido no presente plan de vacacións. Unha vez informadas e validadas electronicamente polo/a superior funcional, as solicitudes pasarán inmediatamente a estar dispoñibles na bandexa de entrada da OPAX do servizo de persoal da dirección ou delegación territorial correspondente para a súa resolución.   

Prazo de presentación:

As solicitudes deberán presentarse no servizo nos seguintes prazos ordinarios:

- Para vacacións durante a tempada “A”: As vacacións de verán solicitaranse ata o 31.05.2026 e as de Nadal ata o 15 de decembro.

- Para vacacións durante a tempada “B”: Ata o día 15 do mes anterior ao do gozo das vacacións.

PORCENTAXES DE PERMANENCIA DE PERSOAL FUNCIONARIO NA UNIDADE SEGUNDO OS TIPOS DE CENTRO DE TRABALLO

Durante a tempada “A” deberá permanecer na unidade ou servizo, como mínimo, o 40% do cadro de persoal. No mes de agosto a porcentaxe de permanencia mínima será do 25%, agás nas oficinas xerais do rexistro civil, onde a permanencia mínima será do 50%.

Durante a tempada “B” non se establecen porcentaxes de permanencia, estando suxeitos ao que establece con carácter xeral a regulación sobre permisos, vacacións e licenzas vixente.

As vacacións gozaranse dentro do ano natural e ata o día 31 de xaneiro do ano seguinte.

Borrador programa anual de vacacións 2026

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras