Saíu publicada a Instrución 1/2026, da Secretaría de Coordinación Provincial de Lugo, sobre a reorganización da oficina xudicial de Lugo, no marco do novo modelo de oficina xudicial previsto na Lei orgánica 1/2025, de medidas de eficiencia do servizo público de xustiza.
De acordo coa Resolución do 23 de abril de 2025 da Dirección Xeral de Xustiza (DOG do 7 de maio de 2025), o modelo organizativo previsto para Lugo é o modelo 2.2.1, integrado polo servizo común xeral (SCX), o servizo común de tramitación do tribunal de instancia (SCT TI), o servizo común de tramitación da Audiencia Provincial (SCT AP) e o servizo común de execución (SCEX), con áreas e equipos funcionais segundo os manuais organizativos.
A instrución establece pautas organizativas para garantir unha transición ordenada durante a implantación progresiva da nova estrutura, incluíndo, entre outras cuestións:
-Recolocación do persoal e posta en marcha efectiva dos servizos, con actuacións previstas entre o 4 e o 11 de febreiro e recolocación principal o 9 de febreiro.
-Traslado e custodia da documentación (expedientes e atados), con criterios de clasificación e relacións de transferencia.
-Organización temporal da presentación presencial de escritos e da recepción e distribución da correspondencia durante o período de reorganización.
-Medidas para garantir a celebración de vistas e a atención ao público e profesionais.