martes, 30 de abril de 2024

Traxectoria profesional: á espera da contestación da DXX á nova solicitude de STAJ

A semana pasada xa vos informamos da negativa que nos diu a DXX de forma telefónica á  nosa petición de ampliación de prazo de solicitudes para pedir a Traxectoria Profesional fundamentada nas datas de cese das persoas que van obter destino en Galicia no concurso de traslados. 

A solicitude de STAJ serviu para que a Dirección Xeral remitira onte  a todas as organizacións sindicais un mail contestando por escrito ao que xa nos anunciara telefónicamente nos seguintes termos: 

Bo día,

Visto o solicitado en relación á ampliación do prazo para acceder á traxectoria profesional infórmase que non é posible atender a dita solicitude. A falta de lexislación estatal a través de Real Decreto que regule a carreira profesional, as diferentes convocatorias de traxectoria profesional requiren de Acordo do Consello da Xunta previo acordo sindical.

Así, a convocatoria vixente foi negociada nos termos autorizados polo Consello da Xunta do 8 de febreiro de 2024. A este respecto, na negociación preceptiva estivo sobre a mesa a posibilidade de retrasar a convocatoria, ao descoñecerse a data exacta de resolución do concurso de traslados (posición que se mantivo por parte desta Dirección Xeral), pero esta opción foi desbotada pola maioría da representación sindical da Mesa sectorial.

Polo tanto non é posible modificar o dito prazo, para que poidan acollerse os funcionarios da Administración de xustiza que veñen por concurso do corpo de Xestión e de auxilio, posto que o prazo imposto é improrrogable, todo esto sen prexuízo de solicitar por todos os sindicatos que se deixe sen efecto a convocatoria posta en marcha e negociar un novo acordo que deberá ser posteriormente autorizado polo Consello da Xunta.

Un saúdo

Visto a contestación da DXX, aclaramos que este sindicato solicitou, durante a negociación do Acordo, que a Traxectoria empezara  en maio e non abril, como sí o solicitaron outros sindicatos. 

Co gallo de arranxar o problema derivado do retraso do concurso, STAJ a semana pasada presentou un escrito solicitando que se teña por cumplido o requisito de estar en servizo activo ou en outra situación que supoña reserva de praza en Galicia,  esixido para o acceso a traxectoria,  unha vez publicadas no BOE as adxudicacións definitivas en Galicia no concurso de traslados e se admitan as solicitudes a partir da publicación no BOE dos destinos ata o prazo de finalización de instancias, cousa que pode facer a DXX sen necesidade de modificar o Acordo. 

Esperemos que á maior brevidade posible nos contesten a esta solicitude ou emitan unha instrución accedendo ao solicitado. Seguiremos informando.


STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras