Hoxe publícase no
DOG a ORDE do 19 de xaneiro de 2024 pola que se ditan instrucións sobre a
confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o
ano 2024.
O título II da Lei 9/2023, do 28
de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano
2024, dedica o capítulo II a regular as retribucións de todo o persoal ao
servizo da Comunidade Autónoma. No seu artigo 11 establece que, no ano 2024,
estas retribucións non poderán experimentar ningún incremento con respecto ás
vixentes en 31 de decembro de 2023, en termos de homoxeneidade para os dous
períodos de comparación, tanto polo que respecta a efectivos de persoal como á
súa antigüidade. Cómpre salientar que as retribucións vixentes ao 31 de
decembro de 2023, víronse afectadas por un incremento retributivo do 0,5 por
cento, con motivo do Acordo do Consello de Ministros do 3 de outubro de 2023
(BOE núm. 238, do 5 de outubro).
A disposición adicional oitava da Lei 9/2023, do 28 de decembro,
establece que as retribucións do persoal do sector público recollidas para o
ano 2024 serán obxecto de adecuación ao previsto na Resolución do 14 de
novembro de 2022, da Secretaría de Estado de Función Pública, pola que se
publica o Acordo marco para unha Administración do século XXI (BOE núm.
276, do 17 de novembro de 2022), no momento no cal se habilite pola normativa
básica do Estado.
Coa finalidade de facilitar a confección das nóminas do persoal ao
servizo da Comunidade Autónoma, esta consellería dita as seguintes instrucións,
que se limitan a aplicar o previsto na Lei 9/2023, do 28 de decembro.