martes, 31 de octubre de 2023

STAJ en contra da retirada do teletraballo en Galicia

Á Dirección Xeral de Xustiza faltoulle tempo para eliminalo teletraballo en Galicia escudándose na Circular do Ministerio de Xustiza, que en ningún caso é vinculante para as CCAA con competencias transferidas. Foi das primeiras Comunidades en eliminalo.

Ante esta situación, no día de onte desde STAJ presentamos escrito a DXX solicitando que revogue a resolución ditada, e pedindo que se volva a conceder o teletraballo.Os motivos da petición son varios, o primeiro e máis importante é que funciona. 

Os compañeiros suxeitos á modalidade do teletraballo renden igual na súa casa como no seu posto de traballo, de feito, salvo casos moi puntuais non hai queixa por perdida de rendemento ou de problemas no órgano xudicial. Isto axuda a mellorar a conciliación laboral e familiar, sobre todo, ás persoas con fillos ou persoas a cargo, como aqueles que viven en distinto municipio do seu centro de traballo.

A segunda é o propio interese da Xunta de Galicia en que se realice a modalidade do teletraballo. Hai que sinalar que se están repartindo ordenadores portátiles precisamente para facilitar este fin.

A terceira é relativa á normativa legal, xa que os medios tecnolóxicos e informáticos así coma as condición de traballo fíxasen polas comunidades autónomas. Polo tanto, corresponde á DXX determinar se en Galicia hai ou non teletraballo, e en que condición se realiza.

A cuarta é continuación da terceira no sentido de que a circular emitida polo Ministerio de Xustiza non é vinculante para ás CC.AA con competencias transferidas, xa que a CA de Valencia informou a través da súa intranet, que o teletraballo se mantiña na súa comunidade o mesmo que Andalucía que mantén un día a semana de teletraballo. Co cal, é perfectamente posible que a Xunta de Galicia acorde o mesmo mantemento para o seu territorio.

Para rematar, están os propios actos da Xunta de Galicia, xa que a día de hoxe os funcionarios autonómicos galegos manteñen concedido o teletraballo, e nada fai pensar que llo vaian a revogar. Co que, non podemos entender como para uns funcionarios é posible e en cambio para outros non o é, sendo todos orgánicamente dependentes da comunidade autónoma galega.

Escrito presentado a DXX                                Justificante de presentación


STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras