jueves, 5 de noviembre de 2020

Decreto e Orde que adoptan medidas para facer fronte ao COVID-19 no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

Publicouse onte a noite no DOG o Decreto do Presidente da Xunta polo que se adoptan medidas  no territorio galego para facer fronte a crise sanitaria COVID-19, este Decreto esta desenrolado nunha Orde do Conselleiro de Sanidade que deixamos no fondo desta información.

Primeiro. Limitacións da entrada e saída de persoas en determinados ámbitos territoriais

1. Con efectos desde as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020, queda restrinxida a entrada e a saída de persoas dos seguintes ámbitos territoriais:

a) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Vigo, Mos, Nigrán, Redondela, O Porriño e Gondomar.

b) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Pontevedra, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e Poio.

c) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos da Coruña, Culleredo, Arteixo, Oleiros e Cambre.

d) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Ferrol, Ares, Neda, Narón, Fene e Mugardos.

e) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Toén.

f) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

g) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados.

h) Do ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Lalín, Silleda e A Estrada.

i) Do ámbito territorial do concello de Lugo.

j) Do ámbito territorial do concello de Viveiro.

k) Do ámbito territorial do concello de Burela.

l) Do ámbito territorial do concello de Monforte de Lemos.

m) Do ámbito territorial do concello de Vimianzo.

n) Do ámbito territorial do concello de Xinzo de Limia.

ñ) Do ámbito territorial do concello de Cangas.

o) Do ámbito territorial do concello de Ponteareas.

p) Do ámbito territorial do concello de Tui.

q) Do ámbito territorial do concello do Grove.

2. Ademais, con efectos desde as 00.00 horas do 5 de novembro de 2020, queda restrinxida a entrada e a saída de persoas do ámbito territorial do concello do Carballiño e do ámbito territorial do concello de Verín.

3. Quedan exceptuados das anteriores limitacións aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos:

a) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

b) Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.

c) Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.

d) Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.

e) Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

f) Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.

g) Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.

h) Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.

i) Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.

j) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

k) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

4. Non estará sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as limitacións previstas nos números 1 e 2.

5. Ata as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020 seguirán vixentes as limitacións de entrada e saída de determinados ámbitos territoriais previstas no punto primeiro do Decreto 178/2020, do 30 de outubro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, nos termos previstos no dito decreto, con excepción das limitacións relativas ao ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, e ao ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós, as cales quedarán sen efecto ás 00.00 horas do 5 de novembro de 2020, ao ser aplicables desde ese momento as limitacións previstas no número 2.

A partir das 00.00 horas do 7 de novembro de 2020 quedarán sen efecto as demais limitacións do punto primeiro do Decreto 178/2020, do 30 de outubro, sendo aplicables desde ese momento as previstas no número 1.

Segundo. Limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados

1. Con efectos desde as 00.00 horas do 5 de novembro de 2020, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, agás nos concellos citados no número 2, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, agás que se trate de persoas conviventes. A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso privado quedará condicionada a que non se supere o número máximo de seis persoas, agás que se trate de persoas conviventes.

No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo a que se refire o parágrafo anterior será de seis persoas.

A limitación prevista neste número non será de aplicación no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores, e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Respecto das actividades previstas no anexo I da Orde do 4 de novembro de 2020, serán de aplicación as limitacións de capacidade máxima e/ou de número máximo global de persoas asistentes ou participantes previstas nel. A limitación de grupos dun máximo de seis persoas, excepto conviventes, contida neste número 1, só se aplicará aos límites específicos para actividades grupais recollidos no dito anexo.

2. Nos concellos da Coruña, Arteixo, Lugo, Pontevedra, Poio, Marín, Santiago de Compostela, Teo, Ames, Vigo, Ferrol, Narón, Fene, Neda, Ourense, Barbadás, Verín, O Carballiño e Vimianzo, nos cales se mantén, ata as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020, a medida, prevista no punto segundo do Decreto 178/2020, do 30 de outubro, de que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, queda limitada aos grupos constituídos só por persoas conviventes.

Desde as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará limitada aos grupos constituídos só por persoas conviventes, a todos os concellos enumerados nos números 1 e 2 do punto primeiro deste decreto.

A limitación prevista neste número 2 non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado, incluído o acompañamento a maiores, menores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Así mesmo, esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso de práctica de deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Tampouco resultará de aplicación naquelas actividades no anexo II da Orde do 4 de novembro de 2020 que poidan desenvolverse nos concellos indicados respecto das cales se considere expresamente a posibilidade de que os grupos sexan de conviventes e non conviventes.

Terceiro. Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto

1. Con efectos desde as 00.00 horas do 5 de novembro de 2020, na Comunidade Autónoma de Galicia a asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade, debendo respectarse en todo caso o límite máximo de cincuenta persoas. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.

Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.

2. Non obstante o anterior, con efectos desde as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020, o límite máximo de persoas asistentes previsto no número 1 será de vinte e cinco persoas, nos concellos enumerados nos números 1 e 2 do punto primeiro deste decreto.

3. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

Cuarto. Persoas procedentes de fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

As persoas procedentes de fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberán cumprir as disposicións establecidas neste decreto, polo que, en particular, só poderán entrar nos ámbitos territoriais delimitados no punto primeiro nos supostos nel previstos.

Quinto. Eficacia, seguimento e avaliación

A eficacia das medidas previstas neste decreto comezará no momento indicado respecto de cada unha delas nos puntos primeiro, segundo e terceiro, e manterase ata as 15.00 horas do 4 decembro de 2020.

Ver o Decreto completo
Ver a Orde que desenvolve o Decreto


STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras