martes, 22 de septiembre de 2020

Lei sobre medidas procesuais e organizativas fronte ó Covid

No BOE do sábado día 19 de setembro publicouse a Lei 3/2020, do 18 de setembro, de medidas procesuais e organizativas para facer fronte ao COVID-19 no ámbito da Administración de Xustiza.

Entre as medidas organizativas atópanse as seguintes:

·        Celebración de actos procesuais mediante presenza telemática.

Ata o 20 de xuño de 2021 inclusive, constituído o xulgado ou tribunal na súa sede, os actos de xuízo, comparecencias, declaracións e vistas e, en xeral, todos os actos procesuais, realizaranse preferentemente mediante presenza telemática, sempre que os xulgados, tribunais e fiscalías teñan á súa disposición os medios técnicos necesarios para iso.

·        Acceso ás salas de vistas.

Co fin de garantir a protección da saúde das persoas, ata o 20 de xuño de 2021 inclusive, o órgano xudicial ordenará, en atención ás características das salas de vistas, o acceso do público a todas as actuacións orais. Cando se dispoña dos medios materiais para iso, poderá acordar tamén a emisión das vistas mediante sistemas de difusión telemática da imaxe e o son.

·        Exploracións médico-forenses e dos equipos psicosociais.

Ata o 20 de xuño de 2021 inclusive, os informes médico-forenses poderán realizarse baseándose unicamente na documentación médica existente á súa disposición, que poderá ser requirida a centros sanitarios ou ás persoas afectadas para que sexa remitida por medios telemáticos, sempre que iso for posible.

·        Atención ao público.

Ata o 20 de xuño de 2021 inclusive, a atención ao público en calquera sede xudicial ou da fiscalía realizarase por videoconferencia, por vía telefónica ou a través do correo electrónico habilitado para ese efecto. Todo iso sempre que sexa posible en función da natureza da información requirida e, en todo caso, cumprindo o disposto na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais. Para aqueles casos nos que resulte imprescindible acudir á sede xudicial ou da fiscalía, será necesario para o público obter previamente a correspondente cita, de conformidade cos protocolos que para o efecto establezan as administracións competentes, que deberán prever as particularidades das comparecencias #ante os xulgados en funcións de garda e os xulgados de violencia sobre a muller.

·        Actuacións dentro dun mesmo centro de destino.

Ata o 20 de xuño de 2021 inclusive, os secretarios coordinadores provinciais poderán asignar aos letrados da Administración de Xustiza e demais funcionarios ao servizo da Administración de Xustiza destinados en calquera das unidades procesuais de apoio directo a órganos xudiciais, a realización de calquera das funcións que, sendo propias do corpo ao que pertencen, estean atribuídas a calquera outras unidades.

·        Xornada laboral.

Ata o 20 de xuño de 2021 inclusive, poderanse establecer, para os letrados da Administración de Xustiza e para o resto de persoal ao servizo da Administración de Xustiza, xornadas de traballo de mañá e tarde para todos os servizos e órganos xurisdicionais, previa negociación colectiva coas organizacións sindicais e respectando en todo caso as medidas de seguridade laboral e prevención de riscos laborais. O Ministerio de Xustiza e as Comunidades Autónomas con competencias en materia de Xustiza establecerán a distribución da xornada e a fixación dos horarios de conformidade co establecido na Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial.

·        Dotación de medios e instrumentos electrónicos e sistemas de información.

As Administracións competentes en materia de Xustiza dotarán a todos os órganos, oficinas xudiciais e fiscalías dos medios e instrumentos electrónicos e dos sistemas de información necesarios e suficientes para poder desenvolver a súa función eficientemente. Estes sistemas serán plenamente accesibles e operativos sen necesidade de que os usuarios se atopen fisicamente nas sedes dos seus respectivos órganos, oficinas ou fiscalías, con respecto ás políticas internas que garantan o dereito á desconexión dixital recollido no artigo 14. j.bis e no artigo 88 do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado por Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro. Así mesmo, formarán aos integrantes dos mesmos no uso e utilización dos devanditos medios e instrumentos.

¡¡STAJ esixe a negociación inmediata de todo o que supoña unha modificación das nosas condicións laborais!!

 

As medidas máis polémicas son a que afecta os nosos horarios de traballo, sobre a que non permitiremos que se salten o que establece a LOPJ, que non se derroga (calquera horario de tarde debe ser debidamente incentivado, ademais de voluntario) e, sobre todo, a que permite ao Secretario Coordinador asignarnos un xulgado diferente ao que estamos destinados, desde STAJ non permitiremos asignacións arbitrarias que supoñan eludir o que a propia LOPJ establece en canto aos centros de destino, e impugnaremos calquera decisión que implique mobilidade forzada dos funcionarios, aínda que sexa no mesmo municipio e xurisdición.



STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras