sábado, 30 de junio de 2018

Aprobados os Orzamentos Xerais do Estado. Subida salarial.


O pleno do Congreso dos Deputados aprobou definitivamente o xoves 28 de xuño o proxecto de lei de Orzamentos do 2018, despois das emendas introducidas no Senado.
Tras a publicación dos Orzamentos no Boletín Oficial do Estado, supoñemos que se fará en breve, é cando se fará efectiva a pírrica subida salarial do 1,75% dos soldos dos funcionarios/as, para o ano 2018, con carácter retroactivo desde o mes de xaneiro. Por tanto débennos unha pequena cantidade en concepto de atrasos.
O incremento das pensións, para os compañeiros xubilados, será do 1,6% con carácter xeral e ata o 3% para as pensións máis baixas.
É de supoñer que a subida se aplicará na primeira nómina aberta despois da publicación dos Orzamentos no BOE. De momento descoñecemos se será no mes de xullo, ou será en agosto.
Para o ano 2018, como se sinalou, o incremento será do 1,75%. É unha subida moi escasa, que pode quedar incluso por baixo da carestía da vida; neste sentido o Índice de Prezos de Consumo (IPC) aumentou un 0,3% en xuño en relación ao mes anterior e elevou dúas décimas a súa taxa interanual, ata o 2,3%, o seu nivel máis alto desde abril de 2017 (2,6%), segundo o indicador adiantado publicado polo Instituto Nacional de Estatística o mesmo xoves que se aprobaron os Orzamentos. Por tanto, con esta subida estamos a perder outra vez poder adquisitivo. Debemos de ser conscientes de que “pola boas” dá a sensación de que non se pode conseguir nada máis, e se queremos mellorar os nosos salarios ou polo menos recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos a nivel nacional, debemos ir pensando en aumentar a presión en tódolos ámbitos da Administración do Estado, pois fomos todos os perxudicados polo recorte do ano 2010 de Zapatero.
Para os anos 2018, 2019 e 2020 prevese, ademais, un incremento do 0,2 %, un 0,25 % e un 0,25 % respectivamente da masa salarial en fondos adicionais. A contía destes fondos adicionais aínda se descoñece, sendo máis ben escasa.

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras.