martes, 23 de diciembre de 2025

Comisións de servizo: nova normativa publicada no DOG

Hoxe acaba de publicarse no DOG  a nova Resolución que regula as comisións de servizo e que deixa sen efecto a Resolución do 21 de marzo de 2022. Esta resolución entrará en vigor coa entrada en funcionamento da nova oficina xudicial, o 31 de decembro de 2025.


Non se outorgarán comisións de servizo a persoal funcionario do mesmo centro de destino salvo nos seguintes casos:

- Prazas singularizadas.

- Prazas englobadas dentro dun equipo estrutural ou área distintos daqueles en que está integrada a praza da que é titular quen a solicita.

- Prazas con algunha especificidade recollida na RPT (gardas, VSM....).

O persoal que teña como posto definitivo un posto singularizado en LD ou de CE non poderá solicitar un posto en comisión de servizos.

Postos susceptibles de seren ocupados por comisión de servizos:

Considérase praza vacante, para efectos do establecido na presente resolución, aquela

que estea desocupada polas seguintes causas:

a) Perda da condición de funcionario/a.

b) Praza cuxo titular estea en servizos especiais.

c) Excedencia voluntaria por interese particular.

d) Excedencia voluntaria por agrupación familiar.

e) Excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público.

f) Praza de nova creación.

g) Prazas que quedasen vacantes ou desertas no concurso de traslados, concurso específico ou convocatoria en LD.

Na convocatoria de cobertura temporal de postos de traballo mediante comisión de servizos poderá participar o persoal funcionario de carreira con destino definitivo en calquera ámbito territorial e que se atope en servizo activo no mesmo corpo do posto que se pretende prover, sempre que transcorrera un ano desde a toma de posesión do último posto de traballo obtido, ben por concurso de traslados, ben por ser persoal de novo ingreso.

O prazo de presentación de solicitudes será de cinco (5) días hábiles.

O persoal funcionario que á data da respectiva convocatoria estea desempeñando un posto en comisión de servizos ou substitución, poderá participar na dita convocatoria sempre que leve un ano  na comisión de servizos ou substitución respectiva.

A convocatoria, ademais da causa da desocupación do posto que se oferta, indicará o código da praza, corpo, unidade, centro de destino, localidade e, se for o caso, os requisitos singulares que figuren nas relacións de postos de traballo.

As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude o informe preceptivo e non vinculante da persoa responsable do órgano, servizo ou unidade en que se atope destinado o/a funcionario/a solicitante.

Criterios de adxudicación:

1. Terán prioridade sobre as demais solicitudes as reguladas no artigo 16 desta resolución, que serán avaliadas en primeiro lugar, coa preferencia establecida no seu punto 2.

2. Resoltas as solicitudes previstas no punto 1, e en caso de haber máis dunha solicitude para un mesmo posto de traballo, resolverase de acordo coa maior puntuación obtida sobre a base dos seguintes criterios:

a) Antigüidade no corpo.

b) Nivel de coñecemento da lingua galega.

En caso de empate, acudirase ao escalafón.

3. Para o caso dos postos singularizados cuxa forma de provisión, segundo a respectiva relación de postos de traballo, sexa o concurso específico ou a libre designación, a valoración das solicitudes seguirá os criterios establecidos no punto 2, salvo no caso dos médicos forenses, que seguirán os mesmos criterios que os establecidos para a súa provisión definitiva. En todo caso, os/as candidatos/as deberán acreditar os requisitos establecidos para eses postos na correspondente relación de postos de traballo.

As comisións de servizo poderán ter unha duración máxima dun ano, prorrogable por outro de oficio.

A renuncia ás prazas solicitadas en comisión de servizos, unha vez adxudicadas, tanto se a renuncia se produce antes da efectiva toma de posesión coma durante os doce primeiros meses, penalizarase coa imposibilidade de poder acceder a unha nova comisión de servizos durante un ano.

Todas as comisións de servizo outorgadas de conformidade coa Resolución do 21 de marzo de 2022 manterán a súa vixencia ata que proceda a súa prórroga.


STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras