No día de hoxe publicouse no DOG a RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2025, da
Secretaría Xeral da Lingua, pola que se realiza a segunda convocatoria das
probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, no ano 2025 (código de procedemento PL500C).
1.
Obxecto. Realizar a segunda convocatoria das probas para a obtención dos
certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 2, 3 e 4, no ano
2025, con código de procedemento administrativo PL500C.
2. Persoas destinatarias. As persoas maiores
de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou
estranxeiras.
3. Datas de realización das probas. As probas dos distintos niveis Celga terán
lugar na segunda quincena de novembro de 2025, sempre que ningunha
circunstancia excepcional o impida. As datas concretas serán debidamente
publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría
Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal).
4.
Localidades onde se van realizar as probas e niveis. As probas realizaranse en Santiago de Compostela, en Ponferrada e en
Madrid. As sedes e os horarios para a realización das probas publicaranse
na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal) xunto coas
listaxes definitivas das persoas admitidas.
5.
Presentación de solicitudes e prazo. As persoas que desexen inscribirse nas
probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo
PL500C, que se publica como anexo I, e aboar a taxa correspondente (código
304401). No formulario de solicitude deberán indicar a proba ou as probas a que
solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral da
Lingua.
O prazo de presentación
das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de
exame, será de quince días hábiles,
que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no
Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase
prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.