jueves, 15 de mayo de 2025

COMITÉ DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL 14/05/25

Onte celebrouse a reunión do Comité de Seguridade e Saúde laboral, deixámosvos os puntos máis importantes que se trataron nela segundo a seguinte orde do día: 

-Aprobación da acta da sesión anterior

-Programación actividades prevención 2025

-Avaliacións de riscos remitidas e actuacións realizadas

-Varios/Rogos e Preguntas

Tras dar todas as organizacións sindicais o visto e prace da acta anterior, o director xeral enumerou a programación de actividades de prevención 2025, as avaliacións de riscos realizadas e remitidas dende ou último Comité de saúde e seguridade laboral, as adaptacións de postos por motivos de saúde e adscricións por motivos de saúde, as comisións de servizo por causas especiais (artigo 16) e os accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

Respecto ás peticións de STAJ:

-STAJ volveu reiterar a recolocación dos extintores da segunda planta do edificio xudicial do TSX na Coruña dada a súa localización excesivamente alta, e que incumpre a normativa establecida.

-GAS RADON: Solicitamos que nos dea traslado dos resultados obtidos para poder analizar os posibles riscos dado que hai meses que se retiraron os medidores que se instalaron para iso. A Xunta dinos que non dispón das medicións que levaron a cabo, para a continuación comunicarnos que se realizará unha avaliación exhaustiva das plantas baixas e sotos de todos os edificios xudiciais (incluídos os pobos), en todos aqueles habitáculos que estean ocupados pola mesma persoa durante + de 50 horas anuais.

-Puxemos de manifesto un problema existente nas escaleiras de evacuación do edificio da Cidade da Xustiza de Vigo, onde se fuma por parte de alguén e transítase de forma non adecuada para a utilidade e o uso que realmente teñen estas zonas de seguridade e evacuación, comentándonos que realizarán as xestións oportunas para que cesen estes comportamentos.

-Tamén expuxemos o ruído constante ao que está sometido diariamente o funcionario de auxilio xudicial do Xulgado do Social nº 7 da Coruña, xa que ten instalada ao seu lado o armario da central de xestión de redes, o que supón unha contaminación acústica repetitiva e insoportable para poder realizar as tarefas cotiás de forma normal. Solicitamos por iso, o cambio da central a outra localización dese xulgado onde non xere molestias, ademais do correcto illamento acústico.

Noutra orde de temas, infórmannos que se visitarán os xulgados de Cangas previsiblemente os días 21 e 22 de maio polo DXX.

-Confirman o gran problema que existe hai anos nos arquivos de Padrón, Muros e Noia, seguindo en negociación con estes concellos para buscar unha solución.

-VIGO: O traslado do Rexistro Civil de Vigo está fixado para os días 26 e 27 de maio. En relación ao arquivo definitivo, buscarase un espazo próximo á cidade da xustiza.

-Instaláronse dispensadores de auga nas cidades de Santiago e A Coruña, pendente de estudar a súa posta nas outras cidades.

-Por último, solicitamos unha vez máis que as reunións do Comité de Seguridade e Saúde Laboral deben convocarse cada tres meses como marca a Lei, non podemos seguir reuníndonos soamente un par de veces ao ano porque a Xunta incumpra ano tras ano esta obrigación que ten, alegando motivos de axenda.

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras