Prazo de presentación de solicitudes: Quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Data fin de solicitudes o 3 de xuño de 2025.
Solicitude e formas de presentación: solicitantes deberán completar obrigatoriamente o formulario electrónico da solicitude a través da OPAX, co seu certificado dixital ou co usuario e contrasinal.
A contía da axuda calcúlase do seguinte modo, tendo en conta o grao de discapacidade:
– Do 33 % ao 64 %: 300 €.
– Do 65 % ao 74 %: 600 €.
– Do 75 % en diante: 1.200 €.
A Comisión de Acción Social poderá modificar a anterior repartición cando por causa do número de instancias presentadas.
Poden solicitar a axuda:
O persoal funcionario de carreira e o persoal interino dos seguintes corpos ao servizo da Administración de xustiza: médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial.
O persoal referido no parágrafo anterior deberá estar, no prazo de presentación das solicitudes, en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de fillos/as ou de excedencia por coidado de familiares e ter destino nesta comunidade autónoma, así como reunir os restantes requisitos exixidos por este programa de atención de persoas con discapacidade do Fondo de Acción Social.
Tamén poden solicitar a axuda:
a) Aquelas persoas que prestasen servizos como persoal funcionario interino da Administración de xustiza nesta comunidade autónoma durante o período comprendido entre o final da acción social do ano pasado (día 26.6.2024) e a finalización do prazo de presentación de instancias desta convocatoria.
b) O persoal funcionario de carreira da Administración de xustiza que durante o período comprendido entre o final da acción social do ano pasado (26.6.2024) e a finalización do prazo de presentación de instancias desta convocatoria prestase servizos nesta comunidade autónoma e se xubilase durante o dito período.
As persoas beneficiarias son:
a) Os/as solicitantes con discapacidade física, psíquica ou sensorial igual ou superior ao 33 % que reúnan os requisitos establecidos nas epígrafes anteriores.
b) Os/as solicitantes que, reunindo os requisitos establecidos nas epígrafes anteriores, teñan baixo a súa dependencia directa e legal, e vivindo ás súas expensas, cónxuxe, parella de feito, fillos/as, ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou persoas tuteladas por sentenza xudicial firme con discapacidade física, psíquica ou sensorial igual ou superior ao 33 %.
No caso de que a persoa beneficiaria teña baixo a súa dependencia directa e legal, e vivindo ás súas expensas, máis dunha persoa que cumpra os requisitos anteriores, percibirá a axuda para cada unha.
No suposto de que dúas persoas teñan a condición de beneficiarios/as respecto do mesmo causante, só unha delas terá dereito á axuda.
A percepción das axudas deste fondo de acción social é incompatible coa percepción doutras axudas de natureza similar concedidas pola Xunta de Galicia ou calquera outra Administración ou organismo oficial ou empresa privada.