Hoxe publícase no DOG a RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2025 pola que se convocan as probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix) no seu nivel de Iniciación para o persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galicia, da Administración de xustiza de Galicia, das entidades locais galegas e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).
Poderá participar nas probas para a obtención do certificado de competencias dixitais, nivel iniciación (ComDix-Iniciación) convocadas nesta resolución o persoal empregado público destinado na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia da Administración institucional, da Administración de xustiza de Galicia, das entidades locais galegas e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.Todo o persoal pode acceder aos contidos das actividades do programa de autoformación, sen pasar por un proceso de selección, inscribíndose na zona de matrícula da EGAP, no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>.
A inscrición para o acceso aos contidos poderá facerse en calquera momento a partir do día 23 de abril de 2025, día seguinte ao da finalización do prazo de matrícula na proba de certificación.
Poderase acceder aos ditos contidos na aula virtual da EGAP desde a inscrición de acceso ata o 19 de decembro de 2025.
A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a inscrición. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 981 54 62 53 y 981 54 63 35 ou no enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal> en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).
O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non implica a obriga de presentarse ás probas de certificación reguladas no anexo II, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas.
As probas de certificación realizaranse nas datas e localizacións que para cada unha delas se indiquen no anexo II desta resolución.
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 22 de abril de 2025.
As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar en cada proba de certificación en cada unha das localidades, días e horarios de realización, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
As persoas seleccionadas poderán renunciar á proba. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.
A proba de certificación para a obtención do certificado ComDix realizarase na plataforma habilitada ao efecto pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.Ç