Publicase no DOG a RESOLUCIÓN do
31 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral da Lingua, pola que se anuncia, con
carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega
preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2,
Celga 3 e Celga 4.
As persoas interesadas en inscribirse nos
cursos presentarán a súa solicitude a través da plataforma de teleformación da
Secretaría Xeral da Lingua, no enderezo electrónico
https://formacion-lingua.xunta.gal. Tras accederen á citada plataforma, deberán
identificarse co nome da persoa usuaria e contrasinal. Se unha persoa non é
usuaria da plataforma, deberá crear unha conta como paso previo á inscripción.
Co fin de conseguir o rendemento
adecuado do curso, conforme o punto segundo, parágrafo 2, da resolución, ao
seleccionar a persoa interesada aquel en que desexa inscribirse, o sistema
pediralle que realice unha proba de nivel para verificar que ese curso é o que
mellor se adapta aos seus coñecementos previos de lingua galega.
Só haberá un intento por cada nivel. Se o
resultado da proba é apto, este actuará como criterio de preferencia á hora de
asignar as prazas do curso cando o número destas sexa menor ca o de
solicitantes. As persoas que non superen a proba poderán igualmente inscribirse
no curso, ben que non terán preferencia na asignación das prazas-
O prazo de presentación das solicitudes de inscrición será de 15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.