Hoxe publícase no DOG a RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá publicidade á campaña da vixilancia periódica da saúde para o ano 2025 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia.
Obxecto
Prestación da vixilancia da saúde ao persoal empregado público en función dos riscos inherentes ao traballo, segundo o disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
Ámbito de aplicación
É aplicable a todos/as os/as traballadores/as da Administración xeral da Xunta de Galicia, agás o persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.
Prolongación da permanencia no servizo activo
A persoa funcionaria que vaia solicitar a prolongación no servizo activo, ou a súa prórroga, de acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 7 de xaneiro de 2013 pola que se regula o procedemento de autorización da prolongación da permanencia no servizo activo, poderá solicitar a realización do recoñecemento médico para a obtención do certificado de aptitude médico laboral que, en todo caso, deberá estar vixente no momento da solicitude da prolongación da permanencia no servizo activo.
Inscrición
A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento, que está dispoñible no Portax (Portal do empregado público da Xunta de Galicia) ou do Opax (Oficina virtual do persoal da Administración de xustiza).
A inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a tramitación da solicitude.
Toda inscrición xerará un xustificante do consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.
O prazo de inscrición rematará transcorrido catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, agás o persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.
Citacións
A falta de asistencia á cita implicará, agás causa de forza maior debidamente xustificada ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais no prazo de cinco días, que o/a traballador/a renuncia ao recoñecemento médico de forma voluntaria.
Resultados e entrega dos informes da vixilancia da saúde
Os resultados da vixilancia da saúde serán subscritos polo/a facultativo/a competente, teñen carácter persoal e reservado e a entrega farase preferiblemente de forma telemática a cada traballador/a.
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras