martes, 4 de junio de 2024

STAJ solicita ampliación de plantilla nos xulgados mixtos de Galicia.

A situación nos xulgados mixtos empeza a ser insostible. Atopámonos con órganos xudiciais que contan con escasa dotación de persoal, entre seis e sete funcionarios de media, para atender a todo o relacionado coa xurisdición civil e penal, ao que hai que engadir: decanato, a especialidade de violencia sobre a muller, rexistro civil, meteria electoral etc. 

A carga de traballo é tal, que se converte no principal motivo de concurso de traslado do funcionariado titular, o que ocasiona que estes xulgados operen como primeiro destino tanto dos corpos xerais como do LAJ, e xuíz, o que leva na práctica a que a rotación do persoal sexa elevada cos efectos negativos sobre os procedementos xudiciais que iso con leva. Debemos aquí poñer en valor o propio módulo de traballo que o CGPJ determina para os xulgados mixtos, sendo a carga de traballo establecida en 680 asuntos civís incluíndo xurisdición voluntaria e execucións e 1000 anotacións penais por órgano e ano. A parte penal vaise cumprindo, pero a parte civil excédese por moito en practicamente todos os mixtos. Hai xulgados onde a carga de traballo é tal, que teñen seccións practicamente afundidas o cal nos leva a unha xustiza lenta e ineficaz. 

A resposta da Xunta ante esta situación é practicamente nula. Á petición de reforzos ou os denegan, ou os retiran antes de cumprir co obxectivo de mellorar a situación (deuse o caso de chegar a nomear a persoal interino de reforzo por dous meses, cando empezaba a facerse coa mesa cesárono). 

Por todo o exposto, desde STAJ presentouse escrito á DXX detallando a situación nestes xulgados e pedindo que por parte da Xunta se acorde unha ampliación do plantel de persoal para os xulgados mixtos da comunidade, e mentres non se consiga, que se proceda a nomear persoal de reforzo para os xulgados mixtos onde se supere os módulos de carga de traballo establecida.

Escrito presentado DXX



STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras