De
acordo con todo o indicado, o Consello Reitor da Escola Galega de
Administración Publica, acordou fixar
os novos criterios de participación nas actividades formativas do dito
organismo, o que se fai público mediante esta resolución.
A
teor do exposto anteriormente, as bases e as condicións de participación que
rexerán nos cursos e nas demais actividades que convoque a Escola serán as
seguintes:
Persoal destinatario das actividades formativas:
– Persoal ao servizo da Administración de xustiza transferido á Comunidade Autónoma de Galicia.
Criterios xerais de selección:
Os
criterios que se empregarán para a selección das persoas a que van dirixidas as
actividades formativas da EGAP son, con carácter xeral, os que a seguir se
relacionan:
En primeiro lugar terán preferencia para ser
admitidos/as aqueles/as solicitantes que realicen tarefas ou desempeñen
funcións directamente relacionadas co contido do curso. Cada convocatoria
estipulará a forma de acreditarse a concorrencia deste criterio, de ser
necesario.
Este
criterio non será de aplicación nos cursos cualificados como transversais, por
ser de interese para todo o persoal empregado público.
No
caso de que, logo de aplicar o criterio anterior, exista un número de
solicitudes superior ao de prazas ofertadas, para a determinación das persoas
que deban ser seleccionadas no curso aplicarase un baremo en virtude do cal se
ponderarán as horas de formación recibidas ou recoñecidas pola EGAP no ano
natural inmediatamente anterior, coas horas de formación das actividades para
as que a persoa interesada teña sido seleccionada pola EGAP no ano en curso.
Tendo en conta este criterio, resultarán seleccionadas as persoas que sumen un
menor número de horas de formación.