martes, 17 de marzo de 2020

ULTIMA HORA: Nova instrucción da DXX ampliatoria da forma de establecer as quendas rotatorias para atender servizos mínimos e publica modelo de declaración responsable para solicitar permiso por deber inexcusable

A Dirección Xeral de Xustiza acaba de remitirnos nova Instrucción ampliatoria da resolución de 15-03-2020 reguladora dos servicios mínimos na Administración de Xustiza en Galicia. Esta nova instrucción establece a forma na que se debe determinar as quendas rotatorias para atender ditos servizos mínimos esenciais, quedando redactada como segue:

1. A falta de funcionarios voluntarios e existindo falta de consenso (ou outro tipo de incidencias) sobre a quen lle corresponde por quenda alfabética de apelido a prestación dos servizos esenciais, empezando pola letra A, os funcionarios serán determinados polos letrados da Administración de Xustiza en aplicación do artigo 452.3 da LOPJ; no caso da Fiscalía Fiscal Superior o seu titular e os Fiscais Xefes Provinciais, así como no IMELGA a súa directora.


2. Os servizos esenciais deberán ser prestados de forma rotatoria en quendas diarias, quedando excluídas aquelas persoas que padezan patoloxías que sexan susceptibles de agravarse polo contaxio do COVID-19:
  • Diabetes.
  • Enfermidade cardiovascular (incluída hipertensión).
  • Enfermidade hepática crónica.
  • Enfermidade pulmonar crónica.
  • Enfermidade renal crónica.
  • Enfermidade neurolóxica ou neuromuscular crónica.
  • Inmunodeficiencia.
  • Embarazo.
  • Posparto (inferior a 6 semanas) e
  • Cancro.

Tamén quedarán excluídos aqueles funcionarios que se atopen na situación de deber inescusable para a atención de menores ou maiores que estean baixo a súa dependencia, e sempre e cando cumpran os requisitos para acollerse ao permiso correspondente. No caso de que ambos os dous proxenitores ou responsables do menor ou do maior dependente teñan a condición de funcionarios en activo ao servizo das administracións públicas, non poderán gozar destas medidas simultaneamente.

En ambos casos, deberán remitir unha declaración responsable, segundo modelo de Anexo que se xunta, ao correo do servizo de persoal da xefatura territorial correspondente.
  • A Coruña: servizo.xustiza.coruna@xunta.gal
  • Lugo: persoal.presidencia.lugo@xunta.es
  • Ourense: sxsal.xustiza.ourense@xunta.gal
  • Pontevedra: servizoxustiza.vi@xunta.es


3. As persoas concretas que deben cubrir cada unha das quendas serán designadas conforme ao indicado no punto primeiro desta Instrución polo letrado da Administración de Xustiza, fiscal xefe ou directora do IMELGA, e a distribución de quendas e a designación das persoas queda suxeita ás incidencias que poidan sucederse consonte un criterio de flexibilidade.

4. Todo o persoal que non se atope comprendido nos servizos esenciais estará ao dispor do seu órgano facilitando o seu número de teléfono móbil ou outra forma de contacto ao responsable do mesmo por se, ante calquera vicisitude, fóra necesario completar o persoal de calquera dos órganos xudiciais da localidade.

5. Medidas de seguridade. Deberanse observar as medidas previstas no Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19, publicadas no DOG do 12 de marzo de 2020, así como as Recomendacións e Medidas adoptadas polo Ministerio de Sanidade para evitar o contaxio e a propagación da enfermidade en todas as actuación que deban realizarse.




STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras.