jueves, 12 de diciembre de 2019

DOG: tarxeta da acreditación especial para funcionarios/as que realicen actuacións fora da sede xudicial.

Tal como STAJ pediu en multitude de acasións por escrito e no seo do Comite de Seguridade e Saúde Laboral , e despois da avaliación de riscos realizada no SCACE de Santiago a petición de STAJ, de cara a unha maior  seguridade dos funcionarios que traballan fora da sede xudicial, e co gallo de protexer a súa identidade e os seus datos persoais, por fin a DXX ven a regular a tarxeta identificativa donde no conste o nome nin o DNI do funcionarios/as.  Ainda quedan máis medidas que STAJ propuxo para este colectivo e que verán a luz en breve.
Aínda que era urxente a sua regulación para este persoal, esta medida debe extenderse a todo o funcionariado da Admón de Xustiza en Galicia para que na súa tarxeta non figuren datos personais. 

 Este é o contido da Resolución pola que se regula a tarxeta de acreditación especial para funcionarios/as que leven a cabo actuacións e actos de comunicación fora das dependencias do seu centros de traballo:

Artigo 1. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto regular a tarxeta de acreditación especial prevista na disposición adicional segunda da Orde do 12 de setembro de 2011 pola que se regula a tarxeta de identificación do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, que identificará o persoal funcionario que realice, con carácter habitual, actuacións procesuais fóra dos edificios xudiciais nas que, por motivos de seguridade, se considera necesario garantir que os seus datos de carácter persoal permanezan reservados fronte a terceiros, cumprindo así mesmo coa preceptiva obriga da súa identificación.
Artigo 2. Ámbito subxectivo
O persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia que realice con carácter habitual actuacións procesuais fóra dos edificios xudiciais e, en particular, aquel que desenvolva habitualmente funcións nas que goce da consideración de axente da autoridade e leve a cabo actuacións referidas á práctica de actos de comunicación fóra das dependencias do seu centro de traballo, disporá dunha tarxeta de acreditación especial, que será de utilización obrigatoria no exercicio destas súas funcións.
Artigo 3. Finalidade da tarxeta
1. A finalidade da tarxeta é identificar o persoal funcionario exclusivamente cando realice actuacións procesuais fóra dos edificios xudiciais e, en particular, cando realice funcións nas que goce da condición de axente da autoridade e leve a cabo actuacións referidas a dilixencias e actos de comunicación na forma prevista nas leis procesuais.
2. A tarxeta pode ser mostrada nos actos de servizo, por iniciativa propia ou cando así sexa requirido polos interesados.
3. A tarxeta especial é persoal e intransferible, ten a consideración de documento público e, polo tanto, a súa confección ou uso por persoa non autorizada dará lugar á exixencia de responsabilidade consoante a normativa vixente.
Artigo 4. Contido
As tarxetas elaboraranse co seguinte formato:
Anverso:
1. Imaxe corporativa institucional da Xunta de Galicia e da Administración de xustiza.
2. Número de identificación persoal (NIP), que é o código alfanumérico asignado a cada empregado público pola Dirección Xeral de Xustiza.
3. Fotografía da persoa titular.
4. Unidade onde presta servizos.
Reverso:
1. Logo xenérico da Xunta de Galicia.
2. Denominación do corpo ao que pertence.
3. O seguinte texto específico en relación coas funcións desenvolvidas: «De conformidade coa normativa vixente, a presente tarxeta acredita que a persoa titular é funcionaria ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, con todos os efectos que ao respecto lle recoñece o ordenamento xurídico».
Artigo 5. Solicitude e tramitación
A solicitude e tramitación da tarxeta de acreditación especial por parte do persoal funcionario comprendido no ámbito subxectivo da presente resolución realizarase no modelo e de conformidade coas instrucións que estarán dispoñibles na intranet de Xustiza.
Artigo 6. Utilización
As tarxetas serán propiedade da Xunta de Galicia, que as expedirá e aos seus titulares, os cales deberán garantir a súa custodia e utilizalas de maneira persoal e intransferible, así como, conforme as instrucións e medios facilitados, comunicar de inmediato os supostos de deterioración, perda ou mal funcionamento e devolvelas cando cesen na prestación do servizo no destino que as xustifica ou cando sexan requiridos para o efecto para a súa substitución ou renovación.

DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191212/AnuncioG0244-291119-0001_gl.html