No Dog de hoxe publícase a resolución do 30 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de decembro de 2025, polo que se aproba o acordo acadado o 2 de decembro de 2025 entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, UGT e CC.OO. para a implantación do réxime extraordinario de acceso aos graos I, II e III do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional para o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.
Importante: Coa publicación no dog deste acordo da traxectoria profesional non se inicia ningún prazo para ningún dos graos. O prazo para presentar as solicitudes ábrese o día 2 de marzo para todos os corpos e graos, e será de 30 días hábiles.
Requisitos de acceso
Grao extraordinario I:
a) Estar en situación de servizo activo na Administración de xustiza en Galicia (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza) no prazo de presentación de solicitudes.
b) Ter a condición de funcionario/a dalgún dos corpos recollidos no artigo 2.1 deste acordo en 31.12.2024 e contar cunha antigüidade mínima de 5 anos en 31.12.2024.
c) Cumprir un dos criterios xerais de avaliación establecidos no artigo 4 deste acordo en 31.12.2024.
Grao extraordinario II:
a) Estar en situación de servizo activo na Administración de xustiza en Galicia (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza) no prazo de presentación de solicitudes.
b) Posuír, na data de publicación desta convocatoria, o recoñecemento do grao I no mesmo corpo en que corresponda adquirir o grao extraordinario II. Queda excluído o persoal que accedese ao grao I na convocatoria extraordinaria de 2024.
c) Ter a condición de funcionario/a dalgún dos corpos recollidos no artigo 2.1 deste acordo en 31.12.2024 e contar cunha antigüidade mínima de 11 anos en 31.12.2024.
d) Cumprir un dos criterios xerais de avaliación establecidos no artigo 4 deste acordo en 31.12.2024.
Grao extraordinario III:
a) Estar en situación de servizo activo na Administración de xustiza en Galicia (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza) no prazo de presentación de solicitudes.
b) Posuír, na data de publicación desta convocatoria, o recoñecemento do grao II no mesmo corpo en que corresponda adquirir o grao extraordinario III. Queda excluído o persoal que accedese ao grao II na convocatoria extraordinaria de 2024.
c) Ter a condición de funcionario/a dalgún dos corpos recollidos no artigo 2.1 deste acordo en 31.12.2024 e contar cunha antigüidade mínima de 17 anos en 31.12.2024, no caso de que o recoñecemento do grao corresponda no corpo de auxilio xudicial ou no corpo de tramitación procesual e administrativa. O ter a condición de funcionario/a dalgún dos corpos recollidos no artigo 2.1 deste acordo en 31.12.2025 e contar cunha antigüidade mínima de 17 anos en 31.12.2025, no caso de que o recoñecemento do grao corresponda nos corpos de medicina forense ou no corpo de xestión procesual e administrativa.
d) Cumprir un dos criterios xerais de avaliación establecidos no artigo 4 deste acordo en 31.12.2024 ou en 31.12.2025, segundo o corpo no cal corresponda o recoñecemento do grao.
Criterios xerais de avaliación
Para acceder a este réxime extraordinario de acceso aos graos I, II e III do sistema transitorio de traxectoria profesional establécense os seguintes criterios de avaliación, dos cales soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:
a) Formación continuada:
– Recibida: asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a Academia Galega de Seguridade Pública ou as escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, así como cursos impartidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP) e cursos impartidos por algunha consellería da Xunta de Galicia, ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado, universidades ou entes locais (concellos, deputacións provinciais).
Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos da lingua galega (iniciación e perfeccionamento –Celga 4–, medio ou superior de linguaxe administrativa e xurídica galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística. Os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha consellería da Xunta de Galicia.
Grao I:
A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 4 créditos/40 horas.
Grao II:
A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 8 créditos/80 horas (40 horas a maiores das acreditadas para o recoñecemento do grao I).
Grao III:
A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 12 créditos/120 horas (40 horas a maiores das acreditadas para o recoñecemento do grao II).
– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartiran os cursos citados:
Grao I: 10 horas.
Grao II; 20 horas. (10 h a maiores das acreditadas para o recoñecemento do grao I).
Grao III: 30 horas. (10 horas a maiores das acreditadas para o recoñecemento do grao II).
b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto/a universitario/a, especialista universitario/a.
c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública, e especificamente no eido da Administración de xustiza.
d) Dous, catro ou seis anos, dependendo do grao, de funcións de dirección, subdirección, xefatura de servizo, xefatura de sección ou outros postos singularizados de nivel equivalente das relacións de postos de traballo.
e) Dous, catro ou seis anos, dependendo do grao, en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.
f) Nomeamento, e participación na totalidade do proceso, como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.
En relación cos méritos das letras b) a f), quedan excluídos os períodos ou méritos empregados para a obtención doutro grao.
Pagamento
En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento adicional ao complemento de determinación autonómica (CAT/CE) correspondente ao grao I, II recoñecido producirase de maneira progresiva en tres anualidades, con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica:
– En 2025, o 35 %.
– En 2026, o 70 %.
– En 2027, o 100 %.
Igualmente, en función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento adicional ao complemento de determinación autonómica (CAT/CE) correspondente ao grao III recoñecido producirase de maneira progresiva en tres anualidades, con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica:
• Corpos de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial:
– En 2025, o 35 %.
– En 2026, o 70 %.
– En 2027, o 100 %.
• Corpos de medicina forense e de xestión procesual e administrativa:
– En 2026, o 35 %.
– En 2027, o 70 %.
– En 2028, o 100 %.
O persoal interino percibirá o complemento da traxectoria profesional ata o momento do cesamento. De ser nomeado de novo persoal interino nesta administración, seguirá a cobrar o grao ou graos que tivese recoñecidos.
Procedemento
O persoal solicitante deberá cubrir a súa solicitude a través do formulario electrónico dispoñible na OPAX (Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza), no enderezo web http://opax.xunta.es
Unha vez realizada a identificación na OPAX, o/a solicitante deberá seleccionar a opción correspondente á «Traxectoria profesional». O sistema informático informará a persoa solicitante se cumpre ou non os requisitos de acceso segundo os datos que figuran neste.
No caso de que o sistema informe de que non se reúnen os requisitos de acceso, a persoa solicitante poderá acreditar que os cumpre, se é o caso, anexando a oportuna documentación acreditativa á propia solicitude. A persoa solicitante, despois de comprobar que todos os datos son correctos, deberá asinar electronicamente e presentar a solicitude.
Ningunha persoa poderá ter recoñecidos máis de tres graos de traxectoria profesional en ningún caso.
O prazo de presentación de solicitudes será:
• Graos I, II e III:
Todos os corpos: 30 días hábiles contados desde o 2 de marzo de 2026.
Resolución
Mediante resolución da Dirección Xeral de Xustiza anunciarase no Diario Oficial de Galicia a exposición das resolucións estimatorias e desestimatorias de recoñecemento extraordinario dos graos I, II e III da traxectoria profesional, segundo corresponda. Para o coñecemento íntegro do acto cada persoa solicitante deberá acceder ao seu expediente a través da OPAX (http://opax.xunta.es).
O prazo máximo para a resolución das solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I, II e III da traxectoria profesional será de 3 meses contado desde a presentación da solicitude. De non ditarse resolución no dito prazo, a solicitude entenderase desestimada.