lunes, 12 de enero de 2026

Servizo de traslado para as seccións de violencia sobre a muller de Santiago e Ourense

Publicado na Intranet de Xustiza: Con motivo da entrada en vigor do Real decreto 422/2025, do 3 de xuño, que crea novas seccións de violencia contra a infancia e a adolescencia e amplía o persoal do Ministerio Fiscal, a Xunta de Galicia habilitou un servizo de traslado para todas as persoas citadas xudicialmente nas seccións de violencia sobre a muller dos tribunais de instancia de Santiago de Compostela e Ourense, cando estas se atopen noutro partido xudicial distinto ao da sede da sección.

O decreto amplía a xurisdición destas seccións aos seguintes partidos xudiciais:

Santiago de Compostela: Noia, Arzúa, Ribeira, Negreira, Muros, Padrón e Ordes.

Ourense: Verín, O Carballiño, Xinzo de Limia, Ribadavia, Celanova e Bande.

Segundo a Lei orgánica do poder xudicial, a Administración de xustiza deberá facilitar un medio de transporte adecuado para as persoas citadas desde outro partido xudicial ou provincia distinto ao da sede da sección correspondente.

O servizo será prestado pola Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), que xa conta con experiencia en traslados de mulleres vítimas de violencia de xénero, garantindo profesionalidade, seguridade e confidencialidade.

O proceso de solicitude realízase por vía electrónica a través dun formulario normalizado, a petición dos órganos xudiciais, oficinas de asistencia ás vítimas ou forzas e corpos de seguridade. Unha vez efectuado o traslado, entregarase un certificado electrónico de execución asinado polo letrado da Administración de xustiza ou o fiscal correspondente.

Novo apartado dispoñible na intranet de Xustiza:

Para facilitar o traballo do persoal e centralizar toda a información, creouse unha nova páxina na intranet de Xustiza con toda a información do servizo de traslado.

Podes acceder desde o menú superior "Medios > Servizo de traslado ás seccións de violencia sobre a muller" ou desde esta ligazón.  Nesta páxina están dispoñibles tanto o protocolo de actuación coma os formularios de solicitude e certificación.

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras