O Tribunal Supremo corrixe a Facenda e dita sentenza
declarando que as prestacións por maternidade que abona a Seguridade Social
deben ter a mesma exención que as axudas percibidas por nacemento, parto
múltiple ou adopción.
A citada sentenza refírese ás prestacións que as
traballadoras suxeitas ao réxime da Seguridade Social perciben como
substitución ao seu salario durante o tempo que dura a baixa por maternidade. Ver sentenza
Quen pode beneficiarse do fallo?
Na administración de xustiza as únicas traballadoras que
perciben ditas prestacións son as interinas suxeitas ao citado réxime da
Seguridade Social. Pola contra, as titulares non reciben ditas prestacións, xa
que no seu caso o que fan é tramitar unha licenza por maternidade, percibindo
integramente a súa nómina durante todo o período da mesma.
Por todo iso, a data de hoxe soamente podemos dar por seguro
que a sentenza do Supremo é aplicable ás compañeiras interinas, aínda que o
noso departamento xurídico tamén está a estudar a posibilidade de que as
titulares poidan beneficiarse deste pronunciamiento, informando en breve dos
pasos para seguir no seu caso.
Que prazo hai para reclamar?
A sentenza afecta a todas as prestacións que non prescribisen
e como a prescrición é de catro anos, significa que se pode reclamar a posible
devolución do diñeiro tributado desde o ano 2014 en diante. É dicir, que quen
cobrou a prestación de maternidade durante o ano 2014, e tributaron por ela na
declaración da renda presentada en 2015, teñen ata o 31 de decembro deste ano
para solicitar a devolución. As que cobraron en 2015 teñen ata o peche de 2019,
e así sucesivamente.
Canto se pode recuperar?
Todo depende dos ingresos anuais de cada persoa. Xa que o
cambio de concepto destas prestacións implica que se debería facer un novo
cálculo do abonado a facenda no exercicio correspondente. Os técnicos de
Facenda lembran que non todos os casos en que se percibiron prestacións por
maternidade supoñen necesariamente o dereito a devolucións.
Cal é o camiño para recuperar o diñeiro?
O procedemento pode realizarse en calquera oficina da Axencia
Tributaria, ou mesmo a través do servizo online de renda web. Facenda dixo que está a preparar un formulario específico e os técnicos recomendan pospoñer uns días a solicitude ata que se poñan en marcha os mecanismos que faciliten e aceleren os trámites.
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras.