A Xunta de Galicia vai reorganizar o espazo dos servizos de
atención ao público emprazados nos sotos do edificio xudicial de Ourense co fin
de poder crear un corredor que facilite a comunicación entre a zona restrinxida
e a común deste andar, actuación recollida no plan de obras menores nos
edificios xudiciais para o ano 2016, que está a desenvolver a Consellería da
Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Atendendo á proposta do xuíz decano de
Ourense, Leonardo Álvarez, e despois de consensualo co decano dos procuradores
e debatelo cos representantes sindicais, STAJ estivo a favor desta proposta, a Dirección xeral de Xustiza decidiu que
este corredor de comunicación atravesará o espazo que na actualidade se dedica
á oficina de recepción de notificacións e traslado de escritos, xestionada polo
Colexio de Procuradores, polo que esta oficina terá que ser trasladada á sala
multiusos _coñecida como sala de vodas_ situada no exterior do edificio.
Na actualidade nos sotos do inmoble,
concéntranse unha serie de servizos de atención ao público (Rexistro Civil,
Oficina de atención e Información ao cidadán e a vítima e Xulgado de garda). As
actuacións proxectadas permitirán una reorganización dos servizos que redundará
nunha mellor atención aos cidadáns, ao mesmo tempo que facilitará o labor dos
profesionais xudiciais.
Ademais da apertura dun corredor de
comunicación, dentro das previsións de obras menores en edificios xudiciais
para este ano, cómpre subliñar que para o novo edificio xudicial está prevista
a dotación dunha sala de Gesell para recibirlle declaración aos menores nun
entorno idóneo, afastados da presenza de persoas estrañas e a instalación dun
scanner que reforce o arco de seguridade do Xulgado de Garda.