A nova orde que regula a bolsa de interinos establece que se reúna unha comisión paritaria entre a Administración e as Organizacións sindicais, reunión que tivo lugar hoxe.
Entre os puntos que se trataron, destacamos os seguintes:
- Prazos para o funcionamento das novas bolsas. A DXX informa de que ten previsto que a finales desde mes de xullo ou a principios de agosto se publiquen as listaxes provisionais. Pensan que, se non hai problemas, entrados no mes de setembro, poderían comezar a funcionar as novas bolsas.
- Datos de solicitudes de inclusión nas bolsas. Producíronse 8.443 solicitudes de inclusión nas bolsas, por parte de 3.801 persoas. A diferencia entre estas cifras está en que unha mesma persoa podía solicitar ser incluida en varios corpos e territorios. Van remitir ás organizacións sindicais datos máis detallados por corpos e territorios.
- Cesamento dos interinos por finalización do motivo do chamamento. Dende a publicación da nova Orde de interinos, a DXX adoptou o criterio de cesar ao persoal interino inmediatamente no momento en que cambia o motivo polo que o posto que cubre está sen titular. Por exemplo se se trata de un posto de un titular que estaba en comisión de servizos e logo consegue un posto definitivo nun concurso de traslados, ou que cubre a praza dun titular que estaba de baixa e se xubila. Isto fai que o posto quede baleiro durante un longo periodo de tempo, cos claros e importantes prexuízos que isto causa e que non fai falla nin explicar, en moitos casos para que logo sexa outra persoa interina a que ocupe ese posto.
STAJ foi a única organización sindical que pediu á DXX que cambie ese criterio e que non se faga cesar ao interino ou interina ata que se cubra o posto por un titular, xa sexa definitivo ou provisional, pois é unha solución que encaixa coa norma e mellor para os dereitos do persoal, tanto interino como titular, e mellor para o servicio que presta a Administración de Xustiza.
- Persoal ao que se aplica a penalización de 4 meses no fondo da bolsa despois dun ano traballado. Como xa informamos no seu día, esta norma aplicarase só ao persoal nomeado ao abeiro da novas bolsas, é dicir, non comezou aínda o cómputo dese prazo dun ano para ninguén.
- Persoal ao que se aplica a norma que obriga ao cesamento despois de traballar 3 anos. Aplícase a todo o persoal interino nomeado dende o día 17 de marzo de 2026, cando entrou en vigor a Orde das novas bolsas.
- Chamamentos telefónicos. Estableceuse que para os chamamentos telefónicos vanse realizar 3 intentos de chamada antes de pasar á seguinte persoa da lista.
- Chamamentos polo SPEG (Servizo Público de Emprego). Infórmannos de que posiblemente nas dúas próximas semanas teñan que facer chamamentos polo SPEG
A DXX comprometeuse a remitirnos as respostas escritas ás preguntas das Organizacións sindicais, para deixar claros os criterios e despexar dúbidas. Emplazou a nova xuntanza da comisión paritaria de interinos para o mes de setembro.
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras