Segundo varias noticias publicadas na prensa nesta semana, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) “traballa na redistribución de prazas de funcionarios para solucionar o «problema» da execución civil en Vigo”.
Antes que nada, debemos precisar que o TSXG non ten ningunha competencia para acordar e nin sequera propor modificacións nas Relacións de postos de traballo. A Lei Orgánica do Poder xudicial di claramente que a competencia para modificar as RPTs son exclusivas do Ministerio ou das Comunidades Autónomas onde as competencias estean transferidas, como é o caso de Galicia, previa negociación coas organizacións sindicais. Esta obriga de negociar coas organizacións sindicais introduciuse na normativa grazas ao acordo firmado en Madrid entre STAJ e outros sindicatos co Ministerio.
Nunha destas noticias da prensa se recollen declaracións do presidente do TSXG nas que di que “El secretario coordinador y la DXX han evaluado la posibilidad de redistribuir plazas de funcionarios (...). Es lo que habíamos solicitado.” Estas comunicacións á prensa que se realizan dende o TSXG deixan claro que a Dirección Xeral decide sobre a reorganización dos funcionarios escoitando as propostas de xuíces e letrados, pero non as dos propios funcionarios, que son os que mellor coñecen a situación de carga de traballo de cada posto.
Por outra banda, si que coincidimos co argumento do Presidente do TSXG en canto a que en Vigo antes había unha media de tres funcionarios/as por xulgado e o persoal que deixaron agora no SCEX é totalmente insuficiente. Este dato tan evidente é o que puxemos de manifesto de xeito reiterado, tanto por escrito como verbalmente nas mesas sectoriais á DXX cando se estaban a negociar as RPTS.
No que non coincidimos co Presidente do TSXG é na solución: o problema no SCEX de Vigo non se arranxa sacando persoal doutro Servizo Común, senón coa ampliación da plantilla. Sacar funcionarios/as do seu posto actual vai xerar un problema no servizo de onde se saquen. O que necesitamos é que se creen novas prazas para o servizo común de execución de Vigo, onde levan meses con cargas de traballo inasumibles.
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras