Os sindicatos maioritarios de Xustiza --SPJ-USO, STAJ, CSIF, UXT e
CC.OO.-- denunciaron este xoves a "situación caótica" que viven os
xulgados de Santiago por mor da implantación dos Tribunais de Instancia e
esixiron "medidas urxentes" á Dirección Xeral de Xustiza para
"frear a deterioración do servizo público e evitar máis perda de dereitos
laborais e atrasos xudiciais" en Compostela.
Nunha asemblea celebrada este xoves, os representantes sindicais abordaron
cos traballadores os "graves problemas derivados dunha implantación
precipitada e improvisada" destes tribunais, especialmente pola
distribución de espazos e a "falta de persoal" suficiente.
Segundo trasladan as organizacións sindicais e o propio persoal, áreas como
execución civil, social, sinalizacións de xuízos en penal ou o servizo de
notificacións atópanse "claramente infradotadas" e precisan dunha
"ampliación inmediata de persoal".
As organizacións sindicais convocantes esixen á Dirección Xeral de Xustiza
a "apertura inmediata dun proceso de negociación para implementar medidas
urxentes que permitan reconducir a situación". Entre as súas demandas
destacan a ampliación dos persoais mediante a Relación de Postos de Traballo
(RPT), a dotación de medios materiais adecuados, a creación de equipos
estruturais que "eviten a arbitrariedade nas reparticións de carga
laboral" e a posta en marcha de reforzos inmediatos.