viernes, 23 de enero de 2026

STAJ denuncia nos médios de comunicación a situación dos tribunais de instancia.

O sindicato STAJ denuncia publicamente  a situación actual do Tribunal de Instancia de Vigo.

A falta de :

-          De permisos e habilitacións informáticas. En moitos postos de traballo o persoal non ten permiso para acceder en Minerva ou o visor aos expedientes que teñen asignados. Moitos non poden acceder ás carpetas compartidas, incluso algún destinado en prazas con clave Gardas. Isto afecta incluso a funcionarios de corpos xerais que ostentan xefaturas, o que non lles permite levar a cabo as súas tarefas, o cal paraliza totalmente o traballo e xera unha acumulación de procedementos sen tramitar e tarefas sen realizar que repercute directamente no servicio que se presta aos cidadáns e profesionais e empeora as condicións de traballo dos funcionarios cando por fin poidan comezar a traballar con normalidade. Dende a DXX debeuse ter previsto con antelación que habería moitas tarefas que facer e moito persoal que trasladar ou habilitar informaticamente. Debería terse coordinado con Amtega unha forma máis rápida e eficiente de actualización informática dos postos de traballo.

-           De medios materiais e lugares de traballo. Hai persoal que non ten mesa, armario para os expedientes e ordenador para traballar no seu novo posto de traballo. Algún está de forma provisional no lugar de traballo de outro persoal que, polo motivo que sexa, non está temporalmente.

-          De  previsión coa eliminación do xulgado de reforzo. A falta de organización e previsión ao eliminarse o xulgado de reforzo provocou a suspensión de actuacións xa sinaladas.

-          De  información, claridade e descontrol no uso da figura do “funcionario crítico”. O que podería ser unha medida para evitar en parte problemas puntuais, estase a amosar inoperativo, en parte pola falta de información clara sobre a quen se debería considerar funcionario crítico e que implicacións ten ser funcionario crítico. 

-          De nomeamento de persoal para cubrir as vacantes. Aínda que en todo momento a DXX manifestou que a implantación do novo modelo non suporía reducir postos de traballo na administración de xustiza, na práctica estamos a ver que falta persoal. Suprimíronse todos os reforzos, cesaron funcionarios interinos coa implantación e estase a retrasar de forma innecesaria e excesiva a provisión temporal de vacantes, xa sexa por comisión de servizos ou substitucións ou por interinos.

-            A ubicación física dos funcionarios e funcionarias. A DXX non marcou unha forma nin uns prazos nin está a colaborar co deseño máis concreto do novo modelo, o que xera que en cada cidade ou incluso entre diferentes servizos comúns dentro da mesma cidade se estean a adoptar criterios distintos, haxa persoal que aínda estea a facer funcións que non lle corresponderían segundo a nova estrutura, que nalgunhas cidades se publicara a organización do persoal a nivel funcional e noutras non, e moitos máis desaxustes que se terían evitado de traballarse con previsión e falando cos actores implicados.

-          Insuficiente persoal nas RPT de execución. En Vigo, nos antigos xulgados de primeira instancia, o número de funcionarios encargados da execución era de 3 por xulgado naqueles nos que o traballo se dividía por tramitación ou execución. Coas RPTs aprobadas pola DXX, pasamos a ter 1,25 funcionarios por xuiz para a execución civil. É dicir, para unha materia na que xa existía sobrecarga de traballo, agora se pretende que cada funcionario leve máis do dobre de traballo que antes. É evidente que é imposible sacar todo o traballo de execución civil en Vigo co número de funcionarios que a DXX asignou a esa tarefa. O peor de todo é que non se trata dun erro, porque en numerosas ocasións, dende STAJ solicitamos por escrito e tamén verbalmente na mesa sectorial, que se ampliara a dotación para a execución de civil, familia, infancia e capacidade, mercantil, social e contensioso-administrativa en Vigo. Nas próximas semanas comezaremos a ver as consecuencias desta decisión da DXX.

Publicación no Atlántico Diario





STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras