O texto definitivo da norma que vai regular o proceso de reorganización de efectivos que nos enviou a DXX e que xa publicamos o venres pasado, inclúe a posibilidade de que o persoal que tramita e executa poida elixir se se quere confirmar no servizo común de execución ou no servizo común de tramitación:
“Persoal destinado en cada un dos órganos xudiciais da xurisdición civil, social, contencioso administrativo e penal: Este persoal será confirmado nos postos de traballo da unidade, que preste o servizo, nestes casos, no servizo común de tramitación ou servizo común de execución, nas áreas que no seu caso, correspondan.
A confirmación establecerase segundo as porcentaxes correspondentes á distribución actual, en idéntica proporción.
No caso de que este persoal tramite e execute, daráselle a opción de confirmar ou ben no servizo de tramitación ou ben no servizo de execución.
Esta opción non contempla a posibilidade de non confirmar.
De non optar a unha praza ou a outra, este persoal confirmarase nun servizo ou noutro de maneira proporcional.”
Para poder interpretar de xeito correcto como se vai levar a cabo a posibilidade de elixir que se lles concede ao persoal que tramita e executa, dende STAJ solicitamos por correo electrónico á Dirección Xeral que se nos aclarase o seguinte:
“¿Vanse confirmar primeiro os que solo tramitan ou solo executan e logo, os que tramitan e executan poden escoller segundo as prazas que queden sen cubrir no SCT ou no SCE? ¿ou vaise preguntar primeiro aos funcionarios que tramitan e executan onde se queren confirmar e despois, conxuntamente cos funcionarios que só tramitan ou só executan, confírmanse segundo antigüidade?”
A resposta a esta consulta por parte da DXX foi esta:
En primeiro lugar se confirmará ao persoal que só tramita ou que só executa, atendendo as porcentaxes que se establezcan de conformidade con plan de reorganización.
Polo tanto, aínda que na norma non se di nada ao respecto, a DXX interpreta que teñen preferencia para seren confirmados/as os/as funcionarios/as que só tramitan ou só executan con respecto ao persoal que tramita e executa.
A posibilidade de escoller mellora a situación do persoal que tramita e executa con respecto á proposta dos borradores anteriores, nos que este persoal debía ir directamente á reordenación, pero a interpretación que fai a DXX da posibilidade de elixir limita de xeito innecesario as vantaxes da nova redacción.
A posición do persoal que tramita e executa segue a ser desfavorable con respecto ao persoal que só tramita ou que só executa. Ao só poder elixir cando moitos compañeiros xa foron confirmados, na práctica poden quedar poucas prazas na área ou servizo común que elixan ou ningunha. É dicir, vaise dar a circunstancia de que, cando esas persoas vaian facer a súa elección, xa non vai haber oco na área ou servizo común que elixan, sen importar a súa antigüidade.
Esta interpretación da DXX vai en contra do espírito da norma da reorganización, na que para asignar ao persoal nos novos postos, téñense en conta as funcións que se están a desempeñar e a antigüidade. Estes criterios teñen lóxica porque o que se pretende é que haxa continuidade e que as persoas con máis experiencia desempeñando unhas funcións concretas, continúen a desempeñalas.
Se se confirma con preferencia ao persoal que só tramita ou só executa con respecto aos que tramitan e executan, a antigüidade pasa a ser secundaria, de xeito que persoal con menos antigüidade vai ser confirmado antes do que persoal con máis antigüidade, que só poderán ser confirmados nos servizos onde queden aínda vacantes ou terán que ir á reordenación.
Isto é inxusto para o persoal máis antigo que tramita e executa. O feito de ter asignadas unhas tarefas ou outras non é decisión dos/as funcionarios/as e desenrolar tarefas de tramitación e tamén de execución non significa unha inferior preparación ou capacidade para só tramitar ou só executar. En consecuencia, a interpretación que fai a DXX da posibilidade de elección deixa a antigüidade nun lugar secundario sen motivo e tamén sen necesidade, porque de forma sinxela se pode solucionar o problema, como vamos explicar logo.
En conclusión, a interpretación da DXX é inxusta e vai xerar situacións nas que persoal con moita antigüidade en postos de similar contido, non poidan ser confirmados e teñan que ir á reordenación aínda que existan compañeiros con menos antigüidade confirmados no centro de destino que lles podería ter correspondido aos máis antigos. Isto á súa vez pode dar lugar a conflictividade.
Para evitar estes problemas, dende STAJ solicitamos á DXX con este escrito que cambie o seu criterio de interpretación da norma. Dende STAJ propomos que, con anterioridade ao inicio da confirmación, unha vez que os LAJ xa informaran de que funcionarios/as só tramitan, cales só executan e cales tramitan e executan, dende DXX se solicite aos funcionarios/as que tramitan e executan que exerciten a súa facultade de elección. Unha vez elixan, pasarán a ter a mesma consideración que os que só tramitan ou só executan, de xeito que pasarán a ser confirmados pola súa orde segundo a antigüidade nos postos de similar contido conxuntamente cos que só tramitan ou só executan segundo a súa elección.
Desta forma o proceso de reorganización será máis xusto e máis acorde coa finalidade da normativa.
Por este motivo, dende STAJ presentamos un escrito solicitando á DXX o cambio no seu criterio.
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras