Publícase no DOG a RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convocan para a provisión, polo sistema de libre designación, postos de traballo no Instituto de Medicina Legal de Galicia.
Participantes
Os postos de traballo que se convocan poden ser solicitados por persoal funcionario de carreira pertencente ao corpo de médicos forenses, calquera que sexa a súa situación administrativa, con excepción daquel que se atope nalgunha das situacións previstas no número 2, sempre que reúna as condicións xerais exixidas e os requisitos determinados nesta convocatoria na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e os manteña ata a súa resolución.
Non poderán tomar parte na presente convocatoria: a) as persoas declaradas suspensas en firme, mentres dure a suspensión; b) o persoal funcionario que se atope en situación de excedencia voluntaria por interese particular, durante o período mínimo obrigatorio de permanencia na dita situación; c) as persoas sancionadas con traslado forzoso, ata que transcorran un ou tres anos, se se trata dunha falta grave ou moi grave, respectivamente, para destino na mesma localidade en que se lles impuxo a sanción.
Presentación de solicitudes
As persoas interesadas deberán presentar as súas solicitudes segundo o anexo II, nas cales farán constar os seus datos persoais, o posto de traballo actual e o posto a que aspiran, no prazo de dez días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.
As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e presentaranse por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Canda a solicitude deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos exixidos e dos méritos alegados para o posto solicitado.
Igualmente, xuntarase coa instancia unha memoria asinada en que, nunha extensión non superior aos 10 folios, o/a candidato/a realizará unha análise das tarefas do posto solicitado e das condicións e medios necesarios para o seu desempeño, facendo constar, así mesmo, propostas de mellora no desenvolvemento das funcións e todas aqueloutras cuestións que o aspirante considere de interese ou importancia, con base na descrición das funcións do posto.
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras