viernes, 12 de julio de 2024

Nova bolsa de interinos; A DXX non asume a proposta sindical

A DXX remitiunos o borrador definitivo da futura bolsa de interinos sendo esta totalmente contraria ao proposto polas organizacións sindicais en unidade.
 
Os problemas alegados por parte da administración para un cambio nas bolsas eran principalmente dous. Por unha banda, alegaban o prexuízo que causaban as suspensións temporais da bolsa e por outro, o problema cos baremados que non tiñan os mesmos dereitos e obrigacións que os integrantes das bolsas de traballo e reserva. 

Pois ben, ante o manifestado pola administración desde as organizacións sindicais enviamos un texto alternativo que melloraba a actual normativa xa que entendemos que é o mellor, non só para os propios interinos, se non tamén para os propios órganos xudiciais e titulares, debido a que cando chega ao xulgado unha persoa sen experiencia, esta necesita dun período de tempo para poder ser plenamente operativa.

Esta proposta foi rexeitada de pleno pola DXX e como resposta, a súa intención é levar a cabo unha ruptura total co que agora temos onde entre outras cuestións, o máis prexudicial sería:

1. Das tres bolsas por corpo (traballo, reserva e baremados) pasamos a unha lista por corpo (sen límite de persoas). 
2. Unha vez traballado un ano (de maneira continua ou descontinua), no momento do cesamento irase ao final da bolsa durante 4 meses. Pasado ese prazo volverase ao seu posto de orixe segundo baremo. 
3. En todo caso, césase no posto pasado 3 anos desde o nomeamento.
4. Será necesario pagar unha taxa no momento de presentar a solicitude. 
5. Exclusión da bolsa por estar en situación de suspensión máis de 2 anos.

Desde STAJ opoñémonos frontalmente a esta nova regulación debido a que entendemos que a actual regulación o único que necesita son pequenos retoques para mellorala, pero en ningún caso é necesario unha ruptura e moito menos na liña que propón a Xunta. 

Tampouco entendemos cunha materia sensible como esta (estamos a falar do traballo das persoas) e que afecta a un tanto por cento importante do persoal dos órganos xudiciais, preténdase tratar sen unha negociación real entre a administración e as organizacións sindicais. Sirva de exemplo, que a pesar das reiteradas peticións, a DXX pretende abordar o cambio sen chegar a realizar nin unha mesa de traballo, é dicir, cambiala pola vía da imposición. 

O día 17 en mesa sectorial volverase trasladar esta cuestión e esperamos que por parte da DXX entren en razón.

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras