En visita recente á
localidade de Ribeira, puidemos confirmar o que varios anos levan manifestando
os funcionarios alí destinados, e que por parte deste sindicato non podemos
seguir tolerándoo.
O Xulgado de Primeira Instancia
e Instrución nº 3 da devandita localidade é o que ten asumidas as competencias en procesos de violencia de xénero.
O persoal deste xulgado desde a súa creación no ano 1997 non se modificou,
componse de 2 xestores, 3 tramitadores e 2 auxilios. Hai que manifestar que os
casos de violencia sexista nesta zona son moi elevados, e que segundo os datos
do Consello Xeral do Poder Xudicial, cada dous días preséntase unha denuncia en
Ribeira por malos tratos no ámbito doméstico.
O persoal deste xulgado
tiña dúas prolongacións de xornada para tentar mitigar dalgún modo o gran
número de asuntos que soportan, desde hai varios anos estas prolongacións non se
autorizan, sen saber o motivo.
O número de asuntos do Xulgado
de Instrución nº 3 segue crecendo ano tras ano, sendo públicas as estatísticas
que así o demostran, tanto a nivel nacional como autonómico.
Hai que poñer de
manifesto e debe ser valorado o esforzo persoal dos funcionarios que alí
traballan desde hai anos, e que moitos deles traballan polas tardes sen
remuneración adicional, para poder facer fronte á excesiva carga de traballo
que soporta este órgano xudicial.
Por todo o exposto, SOLICITAMOS que se autoricen por parte da DXX o nomeamento dun reforzo do corpo de
tramitación, ou na súa falta, sexan
concedidas dúas prolongacións de xornada para o xulgado de primeira
instancia e instrución nº 3 de Ribeira.
VER ESCRITO PRESENTADO
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras.