Os sindicatos SPJ-USO,
STAJ, UGT, CSIF e CCOO levamos meses demandando unha negociación real ante
os problemas laborais derivados da implantación da Lei Orgánica 1/2025, de 2 de
xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público da Xustiza, boa
mostra desa boa fe negocial foi a sinatura dos cinco sindicatos que presentan
este escrito do acordo para a mellora
das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza
de Galicia, en abril de 2025, que supuxo un fito importante para o incremento
retributivo dos complementos percibidos polo persoal de xustiza da Comunidade.
Porén, estas melloras non
poden ser a calquera prezo. A premura dos prazos na implantación dos Tribunais
de Instancia, produciu desequilibrios notables no reparto das cargas de
traballo, a amortización de facto de moitas prazas, trala decisión de crear
postos de libre designación e xefaturas, e a negativa tozuda e caprichosa para
crear áreas e equipos suficientes. A situación de moitas vilas e cidades é
insostible, ao bordo do colapso, dos órganos xudiciais e das persoas que
nelas traballan.
Malia as constantes advertencias das organizacións sindicais, a Dirección Xeral de Xustiza decidiu emprender unha fuxida cara adiante, cunha política de terra queimada, mantendo unha negociación irreal das RPT, deixando todo o poder de decisión nas mans dos secretarios coordinadores e coartando dereitos laborais básicos como a mobilidade ou o teletraballo.
Estas circunstancias, recoñecidas polo propio Director Xeral de Xustiza, e reflectidas nas actas da mesa sectorial, deron pé a asembleas en todas as cidades galegas, para recoller que o sentir é xeral: a administración de xustiza está nun momento crítico, e o cambio de modelo máis importante da súa historia está a ser respondido pola Xunta de Galicia con medidas insuficientes, cando non contraproducentes. Boa mostra diso é que a última mesa sectorial foi hai catro meses, catro meses nos que non se adoptou ningún tipo de medida para paliar o desastre da implantación da NUMO no noso país.
Os sindicatos SPJ-USO, STAJ, UGT, CSIF e CCOO esiximos, como vimos facendo dende hai meses, a convocatoria inmediata de mesa sectorial, co fin de facer a diagnose colectiva oportuna dos problemas derivados da implantación dos Tribunais de Instancia e propor solucións que redunden nun mellor servizo público e na mellora dos dereitos laborais atacados pola nova lei.
