jueves, 29 de marzo de 2018

A resistencia do persoal da Xustiza en folga descoloca a Xunta tras 50 días de mobilización

50 días de folga na Xustiza en Galicia.

Máis de 20.000 xuízos suspendidos segundo os sindicatos --arredor de 12.000 recoñece a Xunta-- e uns 50.000 trámites aprazados en 36 días efectivos dun paro indefinido cun impacto que nunca se deu nun servizo público no país. Centos de persoas xa mortas non constan oficialmente como falecidas ao non emitirse certificados de defunción, o que imposibilita o acceso a pensións de viuvez ou orfandade. Son algunhas das consecuencias lóxicas dun conflito que paralizou os rexistros civís e adiou declaracións xudiciais ou a tramitación de partidas de nacemento e fes de vida desde que comezara o pasado 7 de febreiro. 

Desde aquela, son máis de 2 millóns de euros os perdidos en soldos polos traballadores en folga, que ven descontado nunha media de 67 euros ao día o seu salario. Con todo, o seguimento da protesta que afecta uns 2.700 funcionarios é importante e constante desde o seu inicio. Os sindicatos cífrano nun 80% e a Xunta rebáixao a entre o 40% e o 35%, pero asume nos datos oficiais que sobre un milleiro de funcionarios se ausenta cada xornada, ao que hai que unir os máis de 700 que acoden en cumprimento dos servizos mínimos e os entre 150 e 200 que adoitan faltar por baixa xustificada. Unha protesta que uniu --e mantén unidos-- todos os sindicatos, representados no comité de folga.