jueves, 11 de octubre de 2018

As prestacións por maternidade estarán exentas de IRPF

O Tribunal Supremo corrixe a Facenda e dita sentenza declarando que as prestacións por maternidade que abona a Seguridade Social deben ter a mesma exención que as axudas percibidas por nacemento, parto múltiple ou adopción.

A citada sentenza refírese ás prestacións que as traballadoras suxeitas ao réxime da Seguridade Social perciben como substitución ao seu salario durante o tempo que dura a baixa por maternidade. Ver sentenza

Quen pode beneficiarse do fallo?

Na administración de xustiza as únicas traballadoras que perciben ditas prestacións son as interinas suxeitas ao citado réxime da Seguridade Social. Pola contra, as titulares non reciben ditas prestacións, xa que no seu caso o que fan é tramitar unha licenza por maternidade, percibindo integramente a súa nómina durante todo o período da mesma.

Por todo iso, a data de hoxe soamente podemos dar por seguro que a sentenza do Supremo é aplicable ás compañeiras interinas, aínda que o noso departamento xurídico tamén está a estudar a posibilidade de que as titulares poidan beneficiarse deste pronunciamiento, informando en breve dos pasos para seguir no seu caso.

Que prazo hai para reclamar?

A sentenza afecta a todas as prestacións que non prescribisen e como a prescrición é de catro anos, significa que se pode reclamar a posible devolución do diñeiro tributado desde o ano 2014 en diante. É dicir, que quen cobrou a prestación de maternidade durante o ano 2014, e tributaron por ela na declaración da renda presentada en 2015, teñen ata o 31 de decembro deste ano para solicitar a devolución. As que cobraron en 2015 teñen ata o peche de 2019, e así sucesivamente.

Canto se pode recuperar?

Todo depende dos ingresos anuais de cada persoa. Xa que o cambio de concepto destas prestacións implica que se debería facer un novo cálculo do abonado a facenda no exercicio correspondente. Os técnicos de Facenda lembran que non todos os casos en que se percibiron prestacións por maternidade supoñen necesariamente o dereito a devolucións.

Cal é o camiño para recuperar o diñeiro?

O procedemento pode realizarse en calquera oficina da Axencia Tributaria, ou mesmo a través do servizo online de renda web. Facenda dixo que está a preparar un formulario específico e os técnicos recomendan pospoñer uns días a solicitude ata que se poñan en marcha os mecanismos que faciliten e aceleren os trámites.

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras.