miércoles, 15 de abril de 2026

STAJ esixe á DXX que non utilice criterios ilegais para o cese de interinos en perxuizo do servizo e solo co gallo de aforrar cartos.

Dende a entrada en vigor da nova normativa de interinos, a Dirección Xeral de Xustiza adoptou o criterio de cesar ao persoal interino cando cambia a situación administrativa da praza, nese mesmo momento, sen esperar a que ningún titular a ocupe de xeito efectivo.

Coa normativa anterior, o cambio de situación administrativa non implicaba o cesamento do titular. Coa nova norma de interinos, permítese que unha praza ocupada por interinos poida ser cuberta por funcionarios titulares de forma temporal, é dicir, que o cambio de situación administrativa podería provocar que se ofreza esa praza a comisión de servizos ou substitución se se cumpren os requisitos para que se ofreza. Pero o que di a norma tamén é que o interino non cesa ata que a praza sexa cuberta de forma efectiva por un funcionario titular.

Na práctica isto supón que se van xerar postos vacíos sen ningunha necesidade e vulnerando a normativa. Estes postos quedarán baleiros varios días no mellor dos casos, pero o normal é que non se ocupen durante semanas mentres non se convoca e resolve a provisión temporal por comisión de servizos ou substitución. Vaise dar o caso tamén de que se ofrezan prazas en comisión de servizos ou substitución e que ninguén a pida ou non lla concedan a ningún solicitante, polo que novamente se tería que ofrecer a interinos. Así que cesa un interino que estaba nunha praza, para deixala baleira semanas para logo nomear a outro interino novo, que ten que afacerse a un novo posto de traballo, co esforzo que isto supón para o propio interino e para os seus compañeiros.

A Dirección Xeral de Xustiza aprobou e publicou a nova Orde de interinos sen negociación real coas organizacións sindicais e fixo a norma que mellor lle pareceu sen escoitar en absoluto aos traballadores da administración de xustiza e agora, nin un mes despois de que entrara en vigor esa norma, xa está a saltala para cesar aos funcionarios interinos por causas que non están na norma.

Dende STAJ presentamos escrito á DXX instando a que cambien o seu criterio ilegal.

Se estás na situación que indicamos e queres reclamar, contacta co teu delegado de STAJ e axudámosche.


STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras