lunes, 2 de marzo de 2026

STAJ reúnese co secretario coordinador de Pontevedra

O venres pasado, representantes de STAJ reunímonos co secretario coordinador da provincia de Pontevedra.

Dende STAJ trasladámoslle que os protocolos que el mesmo elaborou amósanse pouco efectivos e adecuados para a coordinación dos distintos servizos comúns e áreas. Insistimos especialmente na falta de eficacia que xeran e, sobre todo, no enorme desequilibrio de carga de traballo que se está a producir nalgúns sitios, incluso entre postos de distintos equipos dentro da mesma área. Instámolo a buscar unha solución consensuada para este grave problema. STAJ pediulle que modifique os protocolos reducindo o número de grupos de traballo, modificando tamén as tarefas asignadas a cada grupo e ampliando o persoal de cada un dos grupos.

Tamén lle pedimos un maior control e que garantice a coordinación entre os letrados xefes e directores de cada un das áreas e servizos comúns, co fin de que non se produzan decisións contraditorias dentro das mesmas áreas. Neste mesmo sentido, pedímoslle que evite a delegación, moitas veces fraudulenta, de funcións propias dos LAJ aos funcionarios dos corpos xerais.

Falamos da necesidade dun cambio da estrutura das novas oficinas para crear máis áreas e equipos estruturais e o aumento da plantilla en todas as áreas, pois as plantillas actuais son absolutamente insuficientes para abordar a carga de traballo. O secretario coordinador amosouse aberto a valorar propor á Dirección Xeral, tal e como xa fixemos dende STAJ a pasada semana, un cambio para crear máis áreas e quipos estruturais e cambios nas RPTs, así como a apoiar as nosas solicitudes de aumento de plantilla e de nomeamento de reforzos de xeito inmediato.

Solicitámoslle que traslade aos LAJ directores a necesidade de que fagan chegar ao persoal e os seus representantes os organigramas coa distribución do persoal en cada equipo ou grupo funcional, con identificación da RPT.

Informounos de que en breve comezarán xa as reubicacións físicas definitivas do persoal, aínda que parece difícil que poidan comezar movementos de persoal esta semana de forma xeralizada, tanto en Vigo como en Pontevedra.

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras