Hoxe publícase no DOG a resolución do 13 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso académico 2025/26.
Cursos que se ofertan:
1. Os cursos de linguaxe administrativa galega ofertados nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia figuran no anexo I desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre xaneiro e abril.
2. A oferta dos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, figura no anexo II desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre febreiro e maio.
Solicitudes e prazos de inscrición:
1. As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática na ligazón www.eoidigital.com/preinslinguagalega. O proceso de inscrición non se considerará correctamente completado ata que as persoas seleccionadas presenten toda a documentación requirida, como se especifica no punto quinto desta resolución.
2. O prazo para a presentación das solicitudes será o seguinte:
– Desde o 30 de xuño ata o 11 de xullo de 2025, para os cursos do primeiro cuadrimestre;
– Desde o 10 ata o 21 de novembro de 2025, para os cursos do segundo cuadrimestre.
Probas finais linguaxe administrativa:
As probas finais serán elaboradas pola Secretaría Xeral da Lingua e terán carácter unificado. A proba escrita realizarase de forma presencial nos lugares que se determinen, que serán publicados coa debida antelación, nas datas e nas horas que se indican a seguir:
– A proba final escrita para os cursos do primeiro cuadrimestre realizarase entre o 2 e o 5 de decembro de 2025 ás 10.00 h, para os cursos de linguaxe media, e ás 12.00 h, para os cursos de linguaxe superior. A data da proba será indicada ao inicio do curso.
– A proba final escrita para os cursos do segundo cuadrimestre realizarase entre o 23 e o 27 de marzo de 2026 ás 10.00 h, para os cursos de linguaxe media, e ás 12.00 h, para os cursos de linguaxe superior. A data da proba será indicada ao inicio do curso.
As datas da proba oral serán fixadas por cada EOI e deberá informarse o alumnado cunha antelación mínima dunha semana con respecto á súa realización. Estas datas faranse públicas na aula virtual.
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras