Desde STAJ volvemos reiterar unha vez máis á DXX que proceda a dotar a cada funcionario dun teléfono fixo no seu posto de traballo.
Nos últimos dous anos serán con esta, a terceira vez que nos diriximos á Administración co fin de que haxa un teléfono por mesa nos xulgados de Galicia. Xa se expuxo pero volvemos facelo as razóns dunha petición que aínda que, nun primeiro momento non parece urxente, se se mostra imprescindible no día a día dos traballadores de xustiza.
Atopámonos en que hai xulgados que soamente contan cun teléfono por cada dous funcionarios, chegándose nos peores casos (normalmente nos xulgados mixtos onde constantemente sofren infradotación tanto de persoal coma de material), sirva como exemplo o que ocorre no xulgado de primeira instancia e instrución nº1 de Redondela, onde unicamente contan cun teléfono para catro funcionarios, isto é, algo que desde calquera punto de vista supón unha barbaridade.
Os motivos para que a DXX proceda a poñer un teléfono por mesa (o mesmo que cada funcionario ten un computador) son varios, destacando neste escrito o tres máis importantes:
En primeiro lugar por pura funcionalidade laboral. É común que ás xulgados chamen tanto avogados, procuradores como cidadáns preguntando polos procedementos nos que son parte. De tal forma que ao ter o procedemento no computador (por mor do expediente xudicial electrónico) e o teléfono na outra punta da oficina vólvese altamente complicado poder resolver a consulta tanto de maneira fluída como eficaz co interesado.
Doutra banda está o teletraballo. Pola información que chega do Ministerio de Xustiza, a regulación básica estatal do teletraballo está próxima a publicarse, unha vez teñámola a DXX procederá á súa regulación autonómica e poderemos os funcionarios de xustiza de Galicia (os da Xunta xa teletraballan sen problemas) volver teletraballar. Como a propia Administración sabe, para poder teletraballar é necesario desviar o teléfono podendo así cada traballador contestar e resolver as dúbidas xurdidas nos procedementos que tramita e para poder facer é imperativo que cada funcionario conte cun teléfono no seu posto de traballo.
Por último debemos tamén ter moi presente a saúde dos traballadores. A pandemia do Covid 19, ensinounos que para evitar contaxios nos centros de traballo é necesario que cada traballador conte con todo o material de traballo evitando na medida do posible o seu uso compartido.
Por todo o anteriormente exposto desde STAJ reiteramos unha vez máis que cada funcionario dá Administración de Xustiza poida dispoñer dun terminal telefónico no seu posto de traballo.
Abaixo deixamos o escrito xunto co xustificante de presentación, e os outros dous escritos xa presentados.
Xustificante de presentación
Escrito presentado 8-3-24
Escrito presentado 20-2-23
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras