miércoles, 25 de septiembre de 2024

Persoal interino, recoñecemento da traxectoria profesional. A sentenza gañada por STAJ no TSXG é firme.

No ano 2020 a Xunta de Galicia abriu prazo para solicitar o grao I  da traxectoria profesional excluíndo deliberada e inxustamente ao persoal interino desa posibilidade, xa que non lle permitiu nin poder realizar a solicitude.

STAJ en defensa do dereito de igualdade de todos os traballadores/as presentou demanda ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que en sentenza ditada en decembro de 2021 recoñeceu o dereito a todo o persoal interino da Administración de Xustiza de Galicia, que cumprise os requisitos, a solicitar a traxectoria profesional e a que se lle recoñecese tanto administrativa como economicamente e nas mesmas condicións que ao persoal titular.

A Xunta nun intento de gañar tempo anunciou que presentaría un recurso de casación ante o Tribunal Supremo, cousa que fixo ao pouco tempo.

Onte o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia notificounos o Decreto de firmeza da sentenza gañada por STAJ, xa que o Tribunal Supremo dictou Providencia  inadmitindo o Recurso de Casación presentado no seu momento pola Xunta de Galicia.

Esta sentenza, xa firme, ampara e é aplicable a todos os funcionarios de interinos de Xustiza en Galicia que cumprisen os requisitos e as condicións para acceder ao grao I da traxectoria profesional a data de 31 de decembro de 2019.

A sentenza obriga á Xunta a abrir un prazo para a solicitude, e posterior recoñecemento do grao uno da traxectoria profesional, con efectos administrativos e económicos ao 1 de xaneiro do 2020, para quen era interino e cumpría os requisitos e tiña os méritos correspondentes naquel momento. Podense acoller a esa posibilidade aínda que no día hoxe non se estea nas bolsas, ben  por xubilación, ben por ser persoal titular, ben por traballar noutra cousa, ou por calquer outro motivo.

A Administración ten agora tres meses para cumprir a sentenza nos seus termos e se non o fai presentaremos demanda de execución forzosa. 


STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras