domingo, 9 de octubre de 2022

STAJ informa: Traslado a Cidade dá Xustiza de Vigo.


O venres pasado celebráronse dúas reunións coa Xunta de Galicia, na primeira delas cun representante da xunta de persoal e a segunda cos sindicatos a fin de informar sobre a planificación do traslado á nova Cidade da Xustiza de Vigo da que destacamos o seguinte:

 As obras están a rematarse, o traslado é inminente, finais de outubro principios de novembro.

A día de hoxe non existe unha data de inicio, as noticias que circulan polos xulgados non son certas. Unha vez que se produza a recepción definitiva da obra informarase aos dous primeiros xulgados que deban trasladarse. Estes serán os contenciosos e avisaráselle cunha antelación mínima de sete a dez días.

Todo depende da recepción definitiva, descoñécese o día en que se producirá esta, motivo polo cal non se pode fixar o inicio do traslado.

 Como sempre se dixo, trasladaranse dous xulgados por semana, o traslado non será simultáneo , primeiro un e cando termine continuarase co segundo .

Os órganos xudiciais poderán poñerse de acordo cal deles debe de  trasladarse en primeiro lugar atendendo ás necesidades das vistas sinaladas esa semana.

 O feito de que un xulgado xa se mudara non significa que non poida continuar cos xuízos sinalados na Rúa Lalín se iso lle resulta máis cómodo dado que as salas continuarán operativas durante un tempo prudencial .

 Unha vez que se inicien os traslados continuarán segundo o cronograma facilitado ata a finalización de todos os órganos; non se fará descanso en nadal.

 O Director Xeral recomenda que todos estean presentes na semana que lle corresponda para un maior control, só é unha recomendación. Facilitaranse todas as caixas necesarias .

 O mobiliario será todo novo. Aqueles compañeiros que dispoñan de cadeira anatómica poderán trasladala ao novo edificio, para iso deberán de poñer o seu nome e será depositada no novo destino.

 Existen tres portas de acceso, unha para o xulgado de garda, outra frontal á Praza Miguel Ángel Blanco e unha terceira posterior á Rúa Vázquez Varela. En principio será todas de acceso e saída non existindo portas específicas para funcionarios.

O garaxe dispón de dúas entradas, unha á Rúa Padre Feijoo e outra á Rúa Pizarro ao que se accederá con tarxeta.A Dirección Xeral pretende reservar unhas trinta prazas para xuices,  fiscais , compañeiros  e compañeiras con necesidades de conciliación familiar, aqueles que teñen rapaces pequenos ou persoas maiores ao seu cargo e dispoñen de flexibilización horaria chegando máis tarde do habitual ao seu  posto de traballo.

 Os xulgados do social dispoñerán nas plantas baixas dunhas salas de conciliacións e desta maneira evitaranse aglomeracións nos devanditos órganos; polo Director Xeral recoméndase o uso das mesmas e que non se fagan  nos xulgados.

 Dispoñerase no seu momento , non en principio, de Wifi xeral en todos os espazos comúns do edificio.

Só existen tres salas de vistas neste momento debidamente equipadas, as demais atópanse en preparación. Concretamente a día de hoxe só se poderían  mudar seis xulgados que compartisen sala de vistas. Creemos que aos informáticos réstalles moito traballo por realizar.

 Os xulgados de familia dispoñerán dunha “ sala amable” para a exploración de menores.

 Quedan servizos por situar ( tradutores, informáticos así como as ligazóns da policía local e nacional) . En canto ao servizo de apud-actas tentarán que estea o mais preto posible do xulgado de garda.

A escola infantil, si ben a Dirección Xeral non tiña noticias da mesma, podemos decirvos que este curso académico non entrará en funcionamento tal como nos dixo nunha consulta anterior a Consellería de Familia contradecindo o manifestado nunha consulta feita a principios deste ano .

 Unha vez máis insistimos en que se nos permita esta semana acceder ao edificio e así poder comprobar cal é o estado das obras. Polo Director Xeral respóndesenos que iso depende da Secretaría Xeral Técnica. Pola xunta de persoal remitirase novo escrito tentando realizar dita visita que xa estaba acordada antes do verán.

STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras