No DOG de hoxe convocase o programa de autoformación para o persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da comunidade autónoma, así como para o persoal da Administración de xustiza de Galicia .
Cómpre ter en conta que o acceso aos contidos non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas, pero só as persoas que se matriculen nestas probas e as superen teñen dereito a un certificado de equivalencia, que ten o mesmo valor que un de aproveitamento.
A inscrición para o acceso aos contidos pode facerse en calquera momento a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Poderase acceder aos ditos contidos na aula virtual da EGAP a partir do día 26 de abril e ata o 20 de decembro de 2021, agás para os contidos sobre aplicacións informáticas de bases de datos, follas de cálculo, tratamento de textos e presentacións gráficas de Microsoft Office 2019 e os de uso avanzado de aplicacións informáticas de follas de cálculo e de tratamento de textos de LibreOffice Writer, que estarán dispoñibles a partir do 24 de maio de 2021.
Cada persoa determinará libremente o número de actividades nas que queira inscribirse e mais o período durante o cal vai traballar na actividade ou actividades do programa de autoformación elixidas. Para superar as probas de avaliación, o alumnado deberá responder de forma correcta a un 60 % das preguntas da proba que será de tipo test. As respostas incorrectas non descontarán acertos.
Solicitudes de participación:
2. As solicitudes de participación nas probas de avaliación só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
3. O número máximo de probas de avaliación das actividades do programa de autoformación que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.