viernes, 26 de febrero de 2021

SISTEMA DE CITA PREVIA NOS REXISTROS CIVIS E OFICINA DE ATENCIÓN Á VÍTIMA E AO CIDADÁN

Despois da experiencia transmitida polos compañeiros de varios Rexistros Civís e dos problemas manifestados por eles, desde STAJ presentamos escrito solicitando da Dirección Xeral de Xustiza,  que se inicien as xestións necesarias para instaurar un sistema de obtención de cita previa mediante chamada telefónica a través dun número centralizado común para todos os servizos xudiciais que actualmente teñen instaurado o sistema de cita previa en Galicia, xestionado pola Administración autonómica e que conviva e complemente ao xa existente de solicitude de cita a través da web www.xustiza.gal.

Nos Rexistros Civís nos que xa funciona o sistema de cita previa detectouse un problema á hora de obtela polo cidadán. Existe un sector poboacional que se está atopando con verdadeiras dificultades no uso da web e non conseguen completar os pasos para que se deben realizar, polo que se poñen en contacto directamente co Rexistro Civil correspondente. O problema que isto xera umha multitude de chamadas destas persoas aos rexistros civís co fin de solicitar por este medio a cita previa, na maioría das ocasións non se trata soamente de chamadas pedindo información senón de petición do cidadán de que se lles guie a través da páxina web para conseguir pedir a cita. As chamadas están resultando tan numerosas que imposibilita en ocasións aos traballadores para poder atender de forma continua ao cidadán que se está atendendo presencialmente, co deteriodo do servizo e a queixa comprensible do administrado, ou noutras ocasións provoca que algún funcionario deixe durante parte da mañá de realizar outras funcións ao ser de forma exclusiva encargado de coller o teléfono para atender as chamadas, isto supón a perda dun funcionario no Rexistro Civil do que se trate co que iso supón nunha plantilla en ocasións xa escasa.

En situación similar pódense atopar as Oficinas de Atención á Victima e ao Cidadán, onde, aínda que o sistema da cita previa comezou máis tarde, xa empeza a dar signos do mesmo problema.

A fórmula para correxir este problema, non é outro que implementar un sistema de cita previa mediante chamada telefónica a través dun número centralizado e común para todos os servizos xudiciais que actualmente teñen instaurado o sistema de cita previa en Galicia. Este número de teléfono sería xestionado pola Administración autonómica e conviviría xunto co sistema xa existente de petición na web, así existe xa noutras administracións (Concellos,  Admón. Tributaria, Delegacións Ministeriais, Policía, etc). Un sistema que cun mínimo investimento económico melloraría en gran medida o servizo prestado, sen arruinar o bo avance conseguido co sistema de cita previa.


STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras