jueves, 10 de mayo de 2018

RUEDA O BÁRBARO

Hai que felicitar de corazón a Alfonso Rueda, o vicepresidente do goberno galego. Non se poden destruír máis cousas en menos tempo e de xeito máis eficiente para conseguir absolutamente nada. Había rumores, pero xa é oficial. Por onde pasa o vicepresidente non volve medrar nin a herba, nin nada. Dende Conan o Bárbaro, non se tiña visto un poder de destrución comparable a este lado de mundo.
Na súa bárbara xestión do conflito da Xustiza todo son desgracias. Os máximos responsables políticos da xustiza e da negociación colectiva na función publica quedan desautorizados e queimados como negociadores. Os traballadores da Xustiza, que eran un corpo unido con interlocutores claros con quen negociar, agora comparecen divididos e enfrontados e sen interlocutores claros con quen pactar como recuperar o máis eficazmente posible o tempo e os danos causados. Os xulgados seguen asfixiados polo retraso e o bloqueo pero agora, ademais, quedamos sen axentes representativos  con quen acordar unha estratexia de axilización e desbloqueo.
Milleiros de cidadáns foron severamente castigados polas consecuencias dunha folga que aínda ninguén foi quen de explicarnos por que durou tres meses, moito menos vimos a ninguén asumir a responsabilidade por terse alongado de maneira tan irracional.  Milleiros de cidadáns seguirán castigados polo ano e pico de retrasos extra que nos queda para volver ós retrasos habituais; e todo isto sen contar sequera os milleiros de euros gastados para que na TVG ou na Voz de Galicia o vicepresidente sempre fora o bo e o guapo e os sindicatos foran os feos e os malos.
A cambio de tan monumental balance de danos, Rueda, o Bárbaro, pode exhibir as cabezas de dous presidentes do comité de folga e o impresionante éxito de empezar ofrecendo noventa euros e acabar firmando por case un 70% máis. En calquera empresa privada, desas que tanto gustan falar e nas que tanto lles gusta traballar aos cargos Populares cando deixan, segundo eles, de palmar pasta no servicio público, xa faría semanas que estaría despedido por tóxico para os activos da empresa e por incompetente na xestión de conflitos.
Aquí foi unha vez ó Parlamento a dar explicación e di que non volve porque xa estivo e non lle gusta repetir visitas turísticas, aínda que sexa a institución que presenta ós milleiros de galegas e galegos que van pagar no seu lombo e coa súa carteira as consecuencias dunha folga que non soubo amañar. Visto un parlamento, vistos todos; ese é o lema de Alfonso Rueda, o Bárbaro, mentres xa se prepara para a seguinte desfeita.

No hay comentarios :

Publicar un comentario