No DOG de hoxe publícase a convocatoria do concurso específico de méritos para as prazas de responsable de estatística, rexistro e calidade nas fiscalías provinciais de Lugo e Ourense.
Poderá participar o persoal funcionario de carreira pertencente ao corpo de xestión procesual e administrativa e tramitación procesual e administrativa, calquera que sexa o ámbito territorial en que estea destinado, que reúna as condicións xerais exixidas e os requisitos determinados nesta convocatoria na data en que termine o prazo de presentación das solicitudes de participación e os manteñan ata a resolución definitiva do concurso.
Non hai un tempo mínimo de permanencia no posto que se ven desempeñando para participar neste concurso.
As prazas ofertadas son as seguintes:
As persoas que concursen deberán presentar a súa solicitude utilizando obrigatoriamente o modelo que figura no anexo IV
O prazo de presentación será de dez (10) días hábiles contados a partir de mañá, día 20 de decembro.
As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, rúa Madrid, 2-4, 2º andar, polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela, e deberán presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) mediante o modelo de solicitude xenérica co código PR004A.
Xunto coa solicitude deberá fornecerse a documentación que acredite os requisitos exixidos e os méritos alegados, que se deberán relacionar no modelo de solicitude (anexo IV) da presente convocatoria.
Os méritos específicos, correspondentes á segunda fase do concurso, deberán ser xustificados documentalmente mediante os pertinentes títulos académicos ou diplomas, así como mediante certificados ou calquera outro medio de proba admisible en dereito.
Méritos, capacidade e valoración:
A. Primeira fase: valoración de méritos xerais, cun máximo de 65 puntos.
1. Antigüidade.
Polos servizos efectivos no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta, outorgaranse 2 puntos por cada ano completo de servizos, computándose proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días. Para estes efectos, os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0055556 puntos.
A puntuación máxima por este concepto será de 53 puntos.
2. Coñecementos da lingua galega.
A acreditación de coñecementos da lingua galega realizarase mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ou pola Dirección Xeral de Xustiza, ou mediante certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente. A puntuación asignarase en función do nivel superior alcanzado:
a) Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.
b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: 8 puntos.
c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: 12 puntos.
B. Segunda fase: valoración dos méritos específicos, cun máximo de 43 puntos.
1. Coñecementos e experiencia profesional: a puntuación máxima será de 40 puntos.
Os coñecementos e experiencia profesional acreditaranse e baremaranse:
a) Pola experiencia en explotación de datos estatísticos e memoria da fiscalía, outorgaranse 4 puntos por cada por cada ano completo de servizos prestados en que se acredite a realización destas funcións. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0111111.
A puntuación máxima será de 16 puntos.
b) Polos servizos efectivos prestados en fiscalía:
– No corpo de xestión procesual e administrativa, outorgaranse 6 puntos por cada ano completo de servizos prestados. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0166667 puntos.
– No corpo de tramitación procesual e administrativa, outorgaranse 3 puntos por cada ano completo de servizos prestados. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0083333 puntos.
A puntuación máxima será de 24 puntos.
2. Formación específica e titulación: 3 puntos.
Valoraranse a formación específica e titulación incluídas na relación de postos de traballo.
STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras