sábado, 15 de octubre de 2022

Crearanse 24 prazas de funcionarios da Administración de Xustiza para os 3 novos xulgados que entrarán en funcionamento en 2023

 Trátase dos xulgados de Primeira Instancia nº6 de Lugo, nº15 da Coruña e nº16 de Vigo que o Ministerio de Xustiza incluirá no proxecto de real decreto de creación das unidades xudiciais correspondentes á programación de 2022. As tres unidades forman parte da proposta presentada en consenso pola Xunta e o TSXG nunha reunión anterior desta Comisión Mixta de Xustiza. 


  Plan de Infraestruturas Xudiciais

O vicepresidente segundo avanzou tamén hoxe no encontro, ao que asistiu xunto co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, que o Goberno galego continuará avanzando no  Plan de Infraestruturas Xudiciais no que se levan investidos máis de 127 millóns de euros.

 Ademais de avanzar no traslado dos órganos xudiciais da Cidade da Xustiza de Vigo e destinar 1,6 millóns de euros o próximo ano a obras menores de mellora das infraestruturas xudiciais, os orzamentos autonómicos de 2023 contan con outra partida de 6,3 millóns de euros destinada aos proxectos do novo edificio xudicial da Estrada e á nova sede propia do Instituto de Medicina Legal do Imelga en Santiago de Compostela.

 Tamén se destinarán 560.000 euros á renovación e posta en marcha de salas de autopsias de bioseguridade nivel 3 nas distintas subdireccións do Imelga. A Administración autonómica tamén está a reforzar os equipos psicosociais das subdireccións Imelga co obxectivo de contribuír a unha xustiza máis áxil e eficiente e atender o aumento da demanda de informes psicosociais por parte dos xulgados derivados das últimas reformas normativas estatais en materia de lexislación civil e procesual.

 Salas de vistas dixitais

A modernización da Administración de Xustiza é outro dos obxectivos da Xunta neste eido. Xa se leva avanzado na implantación destas salas e continuarase no próximo ano. O proceso de dixitalización de sistemas do modelo avanzado de salas de vistas dixitais en todos os xulgados de Galicia porase en marcha en 2023. Deste xeito será posible funcionar de maneira integramente dixital mediante a exhibición do expediente dixital e a incorporación da gravación da vista ao expediente xudicial.

 Na reunión acordouse levar a cabo cursos de formación presenciais e online dirixidos a funcionarios e letrados de Administración de Xustiza, xuíces e maxistrados e fiscais. Trátase de formación xenérica sobre sistemas procesuais e específica sobre novas tecnoloxías. Ademais, abordouse o uso de novas aplicacións tecnolóxicas que permitan avanzar na consolidación do Expediente Xudicial Electrónico, no incremento da dixitalización dos procedementos xudiciais dixitais e no emprego das novas tecnoloxías para acadar unha a xustiza sen papel, máis áxil e eficaz.

 Plan de dixitalización e expurgo

 Por outra banda, co obxectivo de desconxestionar os órganos xudiciais ao ter organizados mediante arquivos dixitais os depósitos documentais para facilitar, o Goberno galego destinará 1 millón de euros en 2023 no marco do Plan de Expurgación de Galicia. Esta contía contribuirá a catalogar 1,8 millóns de expedientes.

Podedes ver a noticia completa da reunión de onte da Comisión Mixta de Xustiza  publicada en xustiga.gal.

 STAJ, sindicato independente e específico de Xustiza, sen subvencións e sen ataduras